Polo 25N, as pontevedresas poderán formarse en autodefensa e empoderamento físico e emocional

Pontevedra
06 de novembro 2025

A concellería de Igualdade organiza un curso con tres sesións os sábados 8, 15 e 22 de novembro na Casazul. É preciso inscribirse en www.apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono do CIM 986 864 825

Curso de autodefensa | ARQUIVO Fort Liberty

A programación violeta de novembro organizada pola concellería de Igualdade do Concello de Pontevedra inclúe este ano un curso de autodefensa e empoderamento físico e emocional. 

A actividade, pensada para mulleres de máis de 16 anos, busca conmemorar o 25N, día internacional para a erradicación da violencia sobre as mulleres. 

O curso de empoderamento físico e emocional está baseado no método Sakura e correrá a cargo da experta en artes marciais e terapeuta persoal Jatsume Gainza.

Ten unha duración de 9 horas, artelladas en tres sesión de 3 horas cada unha os sábados 8, 15 e 22 de novembro. Será ás 10.00 horas,na Casazul (sala Almofrei).

A actividade ten prazas limitadas, é de balde e é preciso inscribirse en www.apuntate.pontevedra.gal ou no teléfono do CIM 986 864 825.

O curso quere proporcionar ferramentas útiles e doadas para o día a día que axuden ás participantes a desenvolver e/ou recuperar a auto confianza, o auto coidado e a forza emocional e física necesarias para poder xestionar calquera situación cotiá, incluído poñerse a salvo, de ser preciso, fronte a unha agresión.

As persoas participantes traballarán para lograr obxectivos como aprender a escoitar e escoitarse desde unha perspectiva non violenta (comezando por nós mesmas), coñecer técnicas sinxelas de defensa para poñerse a salvo en calquera circunstancia ou recoñecer cando sexan violentadas ou que se atopan nun marco de violencia, verbal ou non verbal. 

Coñecer a forza interna que temos a partir da escoita activa e da auto reflexión, desenvolver a capacidade para actuar e saber que estamos con nós mesmas son outros dos obxectivos do curso.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora