Ponte Caldelas déixase levar polo bo ambiente nunhas concorridas Festas dos Dolores

Ponte Caldelas
31 de agosto 2014

As celebracións prolongaranse ata o próximo martes 2 de setembro. Música e actividades relixiosas copan os actos nos primeiros días de festexos

Festa dos Dolores en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

Ata que na madrugada do próximo martes 2 a mércores 3 de setembro os lumes artificiais poñan fin aos festexos, os veciños de Ponte Caldelas gozan dunhas intensas Festas dos Dolores.

Música e actos relixiosos coparon as primeiras horas de celebracións, coa tradicional procesión da Virxe da Sagrada Familia na tarde do sábado polo centro da vila.

Pouco despois a Alameda acolleu un encontro folclórico protagonizado pola Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade (Ponte Caldelas) e as agrupacións musicais La Madreña, de Posada de Llanera (Asturias) e o grupo La Robleda, de Cabezón de la Sal (Cantabria).

A xornada festiva completouna un pasarrúas da Banda de Música de Mondariz e a verbena, a partir das 23:00 horas.

Este domingo, ademais doutro pasarrúas a cargo da Banda de Música de Salcedo, será a quenda para que Os Coribantes de Buchabade presenten publicamente o seu novo disco, finalizando a xornada co concerto da orquestra Olympus e a actuación das populares Cantareiras de Ardebulo, Mucha e Nucha.