O Diario Oficial de Galicia publica este xoves a resolución pola que se somete a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e de construción, o estudo de impacto ambiental, o proxecto sectorial e a declaración de utilidade pública do parque eólico Serra da Fracha, situado nos concellos de Ponte Caldelas e Pontevedra.
A empresa promotora é Eólica Santa Teresa, S.L.U., que proxecta construir unha instalación cunha potencia total de 8,4 MW en dous aeroxeradores de 150 metros de diámetro de rotor e 105 metros de altura de buxa e cunha produción neta prevista é de 27.824 MWh/ano. Ademáis inclúe unha torre meteorolóxica de 107 metros de altura.
O orzamento total, de execución material, é de 7,3 millóns de euros.
Todas aquelas persoas que se consideren prexudicadas nos seus dereitos podean presentar alegacións no prazo de trinta días.
A maior parte dos terreos afectados pertencen ás comunidades de montes de Baltar e A Reigosa, en Ponte Caldelas, pero a instalación tamén afecta ao municipio de Pontevedra.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, manifestou que "dende o Concello emitiremos informes desfavorables do arquitecto municipal e da técnica de medio ambiente".
"Chegaremos ao Tribunal Europeo se fai falta para parar esta barbaridade que sólo da beneficios ás grandes eléctricas", engade o rexidor, "defenderemos Ponte Caldelas diante da administración ou da gran empresa que corresponda".
O Concello de Ponte Caldelas ten xa a disposición dos veciños o modelo de alegación a este parque eólico.
Entre os bens e dereitos afectados atópanse seis parcelas da Comunidade de Montes de Baltar e outras seis da Comunidade de Montes de A Reigosa.
Pola súa banda, os técnicos municipais de Urbanismo e Medio Ambiente están xa a traballar nos informes municipais, determinantes á hora de ir a un proceso xudicial contra a implantación deste parque.
O alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, considera importante que a veciñanza asine e presente "masivamente" alegacións para "frear este parque eólico" que, "ademais de arrasar cun dos lugares máis emblemáticos do noso municipio, podería provocar consecuencias a longo prazo para a veciñanza dos lugares próximos á Fracha".
Engade Andrés Díaz que a realización dunhas obras de tal magnitude "poden afectar aos acuíferos, ás traídas de augas veciñais, e ó rico patrimonio natural e cultural que existe na zona, como está xa a acontecer cos traballos de construcción de parques eólicos en municipios próximos".
Ademais, a longo prazo, o parque eólico "podería afectar á veciñanza polo ruído continuado, o efecto discoteca, o efecto sombra ou a perda de valor dos terreos que quedan dentro da poligonal do parque, entre outras cuestións".
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.