Ponte Caldelas enche as súas rúas coas festas na honra da súa patroa, a virxe das Dores

Ponte Caldelas
30 de agosto 2015

Ponte Caldelas está en festa e iso nótase nas rúas da vila. Centos de persoas están a participar na ampla programación lúdica, cultural e relixiosa que preparou o goberno municipal para estes días e que tiveron este sábado unha das principais citas na tradicional procesión do Santo Encontro que, unha vez máis, foi moi seguida polos veciños

Procesión na honra da Virxe das Dores en Ponte Caldelas
Procesión na honra da Virxe das Dores en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas está en festa e iso nótase nas rúas da vila. Centos de persoas están a participar na ampla programación lúdica, cultural e relixiosa que preparou o goberno municipal para estes días e que tiveron este sábado unha das principais citas na tradicional procesión do Santo Encontro que, unha vez máis, foi moi seguida polos veciños.

Á procesión lle seguiu a traslación das imaxes da Sagrada Familia e da Virxe das Dores desde a capela situada xunto á ponte ata a igrexa de Ponte Caldelas, onde foi oficiada unha misa cantada coa participación da Coral Valdarrosa.

O cortexo percorreu as céntricas rúas de Ponte Caldelas acompañado pola música interpretada pola Banda Musica Cultural de Mondariz, que entoou composicións musicais propias do acompañamento procesional.

O oficio relixioso foi dirixido por don Benito, o párroco de Ponte Caldelas, quen agradeceu ás autoridades e público presenza a súa asistencia a este importante acto dentro da celebración tradicional das Festas das Dores.

ENCONTRO FOLCLÓRICO

Ademais, a Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade e o Grupo Organza de Vitigudino (Salamanca) protagonizaron un encontro folclórico galaico-castelán a través do baile e a música tradicional de ambas comunidades autónomas nun espectáculo na Alameda, que estivo ateigada de público.

Os membros da Banda de Gaitas Os Coribantes de Buchabade saíron desde o colexio Cordo Boullosa facendo un desfile polo centro da vila que rematou na Alameda en posición de homenaxe aos membros do Grupo Organza de Vitigudino.

Os salmantinos foron alternando as súas actuacións musicais con outras pezas bailables do seu folclore particular amosando una sinxeleza nos seus movementos, moito máis pausados que os que logo exhibiron Os Coribantes de Buchabade que, como de costume aproveitaron a ocasión para que os máis novos fixeran o seu bautizo artístico diante do seu público, entre continuos aplausos das persoas concentradas no recinto arborado.