Ponte Caldelas, Poio e Moraña renovarán alumeado público cunha nova achega do Ministerio de Transición Ecolóxica

Ponte Caldelas
02 de xullo 2021

Trátase da sexta concesión do Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía de España (IDAE) á Deputación de Pontevedra este ano e 24 concellos mellorarán a súa eficiencia enerxética cun investimento total de catro millóns de euros

Nova iluminación led en Ponte Caldelas
Nova iluminación led en Ponte Caldelas / Concello de Ponte Caldelas

Carmela Silva, presidenta da Deputación, manifestaba este venres a súa satisfacción despois de recibir unha nova comunicación do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía de España (IDAE), dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica. Este organismo confirmaba un novo investimento de 600.000 euros ao modelo da Deputación para o desenvolvemento urbano sostible.

Trátase da sexta axuda do IDAE ao longo deste 2021 e este diñeiro servirá para que os municipios de Ponte Caldelas, Poio, Moraña, Mondariz e Mos melloren a súa iluminación pública exterior.

As actuacións permitirán reducir unha media do 78% o consumo e a factura enerxética ao implantar tecnoloxía LED, máis respectuosa co medio ambiente, e cambiar os cadros de mando. O Concello de Ponte Caldelas recibirá 151.000 euros para cambiar 436 luminarias e catro cadros de mando. Esta intervención permitirá reducir o consumo un 79,19%.

En Poio empregarase unha axuda de 162.900 euros para cambiar 501 puntos de luz e catro cadros de mando e o consumo reducirase un 78,31%. Mentres que Moraña, con 110.700 euros actuará en 242 luminarias e seis cadros de mando, actuación que permitirá un aforro no consumo do 77,25%.

Con esta nova axuda, o IDAE destinou catro millóns de euros para investir na provincia, ofrecendo este beneficio a 24 municipios que mellorarán a súa eficiencia enerxética.