Ponte Caldelas presume de estrear "a mellor fonte luminosa de Galicia" na nova praza de España

Ponte Caldelas
03 de marzo 2019

200 gaiteiros interpretaban neste acto a canción 'Naceu unha estrela', composta por Andrés Lorenzo, ante numerosos cidadáns que asistiron á inauguración da reformada praza. O evento estivo presidido polo alcalde Andrés Díaz e polo deputado Santos Héctor

Inauguración da Praza de España en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A nova fonte luminosa na reformada praza de España en Ponte Caldelas é para o alcalde do municipio,  Andrés Díaz, a mellor de Galicia. Así o afirmaba na inauguración deste sábado á que asistiron centos de veciños.

O acto contou coa interpretación do tema ' Naceu unha  estrela', composto por Andrés Lorenzo e interpretado por 200 gaitas pertencentes a Os Coribantes de Buchabade, Os Catro Ventos, Son da Pedra e Aires de Cobres. Ademais interpretáronse os acordes do coñecido tema 'We will rock you', de Queen.

O alcalde anunciou os avances de cara á creación da futura Estación Termal de Ponte Caldelas, destinada a atraer turismo. O Concello adquiriu os terreos a SAREB para iniciar os trámites que permitan a licitación da concesión para construír e explotar esta infraestrutura.

Ao acto de inauguración acudía o deputado provincial Santos Héctor, en representación da Deputación provincial, que cofinanciou as obras, ademais do presidente da Zona Franca de Vigo, David Regades e os integrantes do grupo de goberno tripartito.