Ponte Caldelas reclamará da Xunta un convenio vinculante para as obras da PO-234

Ponte Caldelas
02 de decembro 2016

O órgano de goberno de Ponte Caldelas critica a vaguidade e falta de vinculación xurídica do protocolo entregado por Ethel Vázquez

Encontro entre a Plataforma que pide a reforma da PO-234 e representantes do goberno local de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A Xunta de Goberno local de Ponte Caldelas acordou solicitar da Consellería de Infraestruturas a sinatura dun convenio vinculante para a execución das obras na estrada autonómica PO-234. A decisión produciuse despois de estudar o protocolo achegado pola conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, durante a xuntanza que mantivo co alcalde, Andrés Díaz, o pasado mércores.

O protocolo, que tamén foi sometido á valoración dos técnicos municipais, é unha "breve declaración de intencións" da Consellería que conclúe cunha quinta cláusula na que se advirte expresamente que "carece do menor valor xurídico". O documento, "que nin sequera foi presentado por rexistro senón cunha simple fotocopia entregada en man, carece de informes xurídicos ou referencias legais sobre as competencias de cada administración", segundo informron dende o goberno local.

A Xunta de Goberno local, integrada polos grupos municipais do PSdeG-PSOE, AVP e BNG, estima que "trátase dun documento deficiente e inconcreto, redactado nunha linguaxe coloquial, que non compromete a nada". "Parece que a Xunta de Galicia apúntase tamén á técnica dos papeliños sen valor administrativo, porque o que nos entregaron vale o mesmo que as sinaturas que anda recollendo o alcalde de Cerdedo-Cotobade sen presencia do secretario municipal e sen inscripción rexistral", lamenta Díaz.

O acordo aprobado pola Xunta de Goberno Local reprocha a "vaguidade" da consellería para definir a fórmula para a obtención dos terreos por parte do Concello, pois o protocolo só di: "De ser o caso, habilitaranse os procedementos administrativos que procedan para concretar a colaboración entre a administración autonómica e o Concello de Ponte Caldelas, en función da natureza de cada actuación e da normativa aplicable neste caso".

A Xunta de Goberno bota tamén en falta informes xurídicos que motiven a sinatura deste protocolo e por todo elo propón á Consellería a sinatura dun convenio interadministrativo para a execución das obras da PO-234. Un documento, destaca, que daría cumprimento aos acordos plenarios alcanzados por Ponte Caldelas e Cotobade o pasado mes de maio.

Con independencia disto, o Concello xa volveu convocar aos veciños afectados para propoñerlles que asinen un papel, sen valor de documento público, expresando á Consellería a súa vontade favorable a ceder os terreos á Xunta de Galicia para a execución das obras.

Arquivado en