Ponteandadas aposta por novas rutas para atraer a máis participantes e dar unha "volta a Pontevedra"

O club de sendeirismo Naturgaliza organiza unha nova edición do programa Ponteandadas, con oito rutas para fomentar o deporte e o patrimonio cultural da cidade

Presentación de Ponteandadas 2026
Presentación de Ponteandadas 2026 / Alberto de Madrid Lafuente

O programa de sendeirismo Ponteandadas regresa este ano a Pontevedra cunha nova edición que busca consolidar o seu crecemento e seguir atraendo a un maior número de participantes.

Durante a presentación, Anabel Gulías, concelleira de Deportes, destacou que a iniciativa ten dous obxectivos, "ensinar a capacidade e pontecialidade que ten Pontevedra descubrindo o noso patrimonio cultural, material e natural", ademáis de traballar por "promover un estilo de vida saudable", subliñando así o dobre enfoque deportivo e cultural do proxecto.

Baixo a lema de "Volta a Pontevedra", o club de sendeirismo que organiza estas actividades, Naturgaliza, deseñou un calendario que quere evitar o carácter rutineiro de edicións anteriores, apostando por percorridos variados que percorren diferentes parroquias do municipio.

Juan Romero, presidente de Naturgaliza, sinalou a intención de aumentar o número de participantes cada ano. Este obxectivo logrouse, aumentando 52 persoas inscritas e 111 asistentes en 2025 con respecto ao ano anterior. En cada ruta participan até un total de 300 persoas, estando dirixidas a toda a poboación.

As rutas, de carácter circular e con distancias de entre 10 e 14 quilómetros, están pensadas para "facilitar así aos que veñen da contorna", con saídas desde puntos céntricos, como afirmou Juan Romero. Ademais, todas as andainas contarán con seguro de atención sanitaria.

O programa arrincará o domingo 29 de marzo en Lourizán-San Brais, cunha ruta de dificultade baixa e unha duración aproximada de dúas horas e media, precedida dun quecemento con zumba.

A actividade continuará o 10 de maio na Parda-Cabanas, neste caso con marcha nórdica como preparación e un percorrido de dificultade media que se prolongará durante unhas tres horas e media. A finais de mes, o 31 de maio, será a quenda de Marcón, cunha proposta de menor esixencia e unhas tres horas de duración.

Xa en xuño , o día 14, a andaina trasladarase a Mourente, cun itinerario de dificultade baixa-media e quecemento con marcha nórdica. Tras o parón estival, o programa retomarase o 20 de setembro en Bora-Lérez, cunha ruta sinxela, e continuará o 18 de outubro en Xeve, mantendo a mesma liña de accesibilidade.

En novembro concentraranse as dúas últimas citas: o día 8 en Verducido, cun percorrido de dificultade media-baixa, e o 29 en Campañó, onde ademais da camiñada tamén de dificultade media-baixa levará a cabo unha recollida solidaria de produtos non perecedoiros destinados ao banco de alimentos.

Como en edicións anteriores, cada xornada incluirá un quecemento previo alternando zumba e marcha nórdica antes da saída ás 10:00 horas.

Así mesmo, entregarase aos participantes material como luvas e bolsas para a recollida de lixo, reforzando o compromiso co coidado da contorna natural.

Javier Piñeiro, director técnico de Naturgaliza, comentou que "todo o que poidamos ir recollendo en beneficio do medio" é necesario para unha responsabilidade medioambiental.

A inscrición ten un custo de 2 euros por andaina, exceptuando ás persoas desempregadas, cuxa entrada é gratuíta, e pode realizarse a través de correo electrónico [email protected], por teléfono 625482636 ou de forma presencial na tenda Naturcamiña.

Con esta proposta, Ponteandadas continúa consolidándose como unha iniciativa que combina actividade física, concienciación ambiental e dinamización do territorio.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora