O concurso de tapas de Pontevedra promoverase en Barcelona. Unha colaboración entre Turismo de Pontevedra e a Axencia de Turismo de Galicia permitirá que o certame PontedeTapas se presente na Cidade Condal o próximo martes. O evento, ao que tamén acudirán os concursos de Ferrol e Santiago, terá lugar na terraza do restaurante Alegra, situado na área comercial Maremagnum.
A concelleira Carlota Román e o cociñeiro Iñaki Bretal serán os representantes de Pontevedra neste acto, ao que están invitados xornalistas especializados de toda Cataluña.
No evento, a responsable municipal de Turismo tomará a palabra para explicar os inicios e a situación actual de PontedeTapas na cidade, transcorridos xa seis anos dende o comezo desta iniciativa. Concibido inicialmente para reforzar a programación turística da cidade en períodos de baixa ocupación, acabou convertido nun evento que dinamizou a todo sector hostaleiro, chegando a servir más de 40.000 tapas en cada edición.
Precisamente, Iñaki Bretal, vencedor na última edición, elaborará a tapa coa que conquistou ao xurado durante a gala celebrada no Centro Social de Afundación.
Carlota Román aplaudiu a estratexia de Turismo de Galicia para contar cos concellos para organizar actos conxuntos e sumar esforzos que serven para promocionar non só a Galicia, senón tamén ás cidades. Esta liña de traballo, baseada en xuntar forzas e aproveitar o traballo que se fai dende os concellos, "contará sempre co apoio da Concellería de Turismo de Pontevedra", destacou.