Ponteguapa repartirá máis de 4.000 flores para a ambientación dos balcóns e ventás da cidade

Pontevedra
21 de marzo 2019

A iniciativa comezará a súa actividade o vindeiro venres 29 de marzo coa primeira repartición de flores na Praza da Peregrina, agardándose que ao remate das xornadas se sumen máis de 4.000 plantas.

Repartición de plantas e compost na Ferrería PontevedraViva / Deputación Provincial
Pontevedra  volve "poñerse guapa" coa chegada da estación das flores. Como xa é tradición na cidade, a primavera trae consigo a decoración dos balcóns e a ambientación das rúas con macetas de cores. 
 
Na mañá deste xoves, o concelleiro de Medio Natural, Alberto Oubiña, presentou o novo programa de Ponteguapa que incluirá, ademáis do reparto de plantas, actividades infantís, obradoiros e a creación dunha escultura nos Xardíns de Marescot. 
 
Segundo as palabras do concelleiro, "a iniciativa Ponteguapa retorna revitalizada e desexando que a cidade estoure en cor, arte e respecto ao medioambiente. Con esa fin, nesta nova edición baseámonos en 4 eixos fundamentais":
 
O eixo principal é o tradicional reparto de flores e a decoración de ventanais e balcóns. As reparticións realizaranse en cinco xornadas en diferentes prazas e puntos de referencia e estarán ambientados con música e actividades infantís. Entregaranse de xeito gratuíto nas seguintes datas máis de 4.000 plantas e compost a todos aqueles con desexo de participar:
 
  • Venres, 29 de marzo. Comezo do programa na Praza da Peregrina ás 18:00 horas.
  • Sábado, 30 de marzo. Ás 11 horas da mañá na recentemente reformada Rúa Virxe do Camiño.
  • Venres, 5 de abril. Praza da Audiencia, 18:00 horas.
  • Sábado, 6 de abril. Praza de José Martí ás 11:00 horas.
  • Venres, 12 de marzo. Última distribución ás 18:00 na Praza do Hospital.

 

Por outra banda, o recentemente galardoado co premio Xardín Galego pola Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar), José Souto, impartirá dous obradoiros relacionados co coidado das plantas e a disposición das mesmas. 
 
  • 4 de abril. Obradoiro de coidado de plantas na Praza de Ourense ás 18:00 horas. 
  • 10 de abril. Obradoiro de ornamentación de balcóns nos Xardíns de Marescot ás 18:00 horas.

 

En caso de darse mal tempo, as actividades trasladaranse á Casa da Luz, onde tamén haberá unha exposición de bonsáis comisariada por José Francisco Simón Varela que se poderá visualizar do 3 ao 7 de abril. Do mesmo xeito, o responsable da exposición dará un obradoiro sobre transplante e coidado de bonsáis o día 3 ás 19:00 horas.

Para rematar co programa, crearase unha escultura de madeira nos Xardíns de Marescot (diante da facultade de Belas Artes) no tronco que o corte do cedro deixou. Santiago Castro Soage, escultor da Finca de Briz, será o responsable da obra que, en palabras de Oubiña "agardo que sexa un espazo natural de benvida á cidade. É a primeira escultura en madeira pero non será a última".