Pontesán aposta este 2023 pola nutrición e a loita contra a obesidade

Pontevedra
30 de marzo 2023

A Praza de España de Pontevedra acollerá os días 14, 15 e 16 de abril a IV Feira da Saúde e do Benestar, Pontesán

Presentación Pontesán Juan Manuel García

A Praza de España de Pontevedra acollerá os días 14, 15 e 16 de abril a IV Feira da Saúde e do Benestar, Pontesán. Un evento do que Tino Fernández, concelleiro de Deportes e Saúde, se sente "tremendamente orgulloso" porque "xa é un referente a nivel estatal".

Humildade, ilusión e moito esforzo. Fernández destaca que, tras catro anos, o obxectivo da feira segue a ser darlle visibilidade ás asociacións sen ánimo de lucro do ámbito sociosanitario. Pois, destaca a importancia de que a cidadanía saiba que "cando temos un problema de saúde, ademais da atención sanitaria pública, que é fundamental, hai ao noso arredor un montón de asociacións que nos poden botar unha man para encontrar solución aos problemas que se derivan das enfermidades"

O concelleiro fixo alusión ao éxito de edicións anteriores como principal motivo do incremento na participación de asociacións sociosanitarias, deportivas, clubs, federacións, colexios oficiais e institucións. Este ano, son máis de 40 entidades sen ánimo de lucro interesadas en poñer o seu gran e contribuír á temática principal desta cuarta edición: a nutrición e a loita contra a obesidade

Como novidade con respecto a edicións anteriores, o último día do evento serán entregados unha serie de recoñecementos a unha persoa física, unha asociación e unha institución para agradecer o seu traballo a prol da saúde e da vida da cidadanía

As datas de celebración adiántanse a abril por mor das eleccións municipais que están convocadas para o mes de maio. "No futuro espero que volva á súa data habitual", comenta o concelleiro.

Entre agradecementos ao Sergase, en especial, a todas asociacións sociosanitarias pola súa labor, Fernández transmite o seu agrado coa iniciativa. "Creo que demos un paso en establecer a Pontevedra como unha cidade que é modelo non só pola súa mobilidade, senón tamén pola forma de entender  as necesidades das persoas que conviven en pontevedra".

O programa de actividades, aínda está por pechar. Porén, a concellería de Saúde e Deportes adianta que ao longo da fin de semana se irán desenvolvendo unha serie de talleres lúdicos.

Entre eles destaca unha pequena práctica de ciencia para a rapazada, unha  cata de augas, o Taller de Primeiros Auxilios da Cruz Vermella, unha presentación de receitas sen gluten entre outros. Na Avenida de Monte dos Ríos terán lugar diversas actividades complementarias de índole deportivo.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora