Pontevedra acollerá varios seminarios científicos en torno ás Ciencias Agrarias

Pontevedra
06 de xullo 2015

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), celebrará durante os próximos meses un ciclo de seminarios de periodicidade mensual na sede do citado centro en Pontevedra en torno a temáticas relacionadas coas Ciencias Agrarias e dirixido ao público interesado na materia, de entrada libre sen previa reserva ata completar aforamento

Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia
Pazo de Gandarón, Misión Biológica de Galicia

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), a través da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), celebrará durante os próximos meses un ciclo de seminarios de periodicidade mensual na sede do citado centro en Pontevedra en torno a temáticas relacionadas coas Ciencias Agrarias e dirixido ao público interesado na materia, de entrada libre sen previa reserva ata completar aforamento.

Os seminarios estarán impartidos tanto por científicos internacionais que colaboran cos seis grupos de investigación da MBG en torno a temáticas relacionadas cos cultivos de leguminosas, as brásicas e o millo, a viticultura e os recursos forestais, coma por persoal da MBG que realizou estanzas de investigación recentemente no estranxeiro.

"En 2011 empezamos a celebrar conferencias deste tipo no centro, pois consideramos fundamental a divulgación e o debate científico entre persoal investigador e conexo á investigación. Agora pretendemos darlle un impulso a esta iniciativa organizándoa no marco dun ciclo de seminarios dirixidos tanto ao persoal da MBG coma ao público interesado nos temas a tratar", explica Elena Cartea González, directora da MBG.

O ciclo comezará o mércores, 8 de xullo, con Sergio Rasmann, ecólogo da Universidade de Neuchatel (Suíza) que colabora co grupo de Xenética e ecoloxía forestal da MBG constituído polos doutores Rafael Zas, Luis Sampedro e Xoaquín Moreira.

O próximo seminario terá lugar despois de verán e correrá a cargo de María Tortosa Viqueira, do grupo de Xenética, mellora e bioquímica de brásicas da MBG, coa temática de análise metabolómico para o estudo de estreses en plantas.