Nas últimas décadas, diversos estudos científicos demostraron que un consumo regular de brásicas (grelos, berzas, repolo, coliflor ou brócoli) contribúe a reducir o risco de padecer determinadas enfermidades debido á presenza de compostos bioactivos e de compostos antioxidantes.
O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), no marco da tese doutoral realizada por Tamara Sotelo na Misión Biolóxica de Galicia, na parroquia pontevedresa de Salcedo, avanzou no coñecemento dos xenes implicados na síntese e regulación de compostos biosaludables nas brásicas e observou que as follas destes cultivos posúen maior capacidade antioxidante e os brotes maior concentración de glucosinolatos.
Estes resultados abren, polo tanto, novas posibilidades para os programas de mellora xenética das brásicas, tradicionalmente dirixidos a conseguir cultivos máis produtivos e resistentes a enfermidades e que agora, tamén, poden dirixirse a conseguir cultivos máis saudables.
A tese desta moza de Bueu obtivo a cualificación de sobresaliente cum laude e recibiu unha mención internacional.