Pontevedra acolleu o encontro internacional de hospitaleiros

Pontevedra
03 de outubro 2020

Este encontro estivo impulsado pola Federación Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño Portugués a Santiago e reuniu a case medio cento de hospitaleiros de Portugal (Braga, Guimaraes, Barcelos, Porto e Esposende) e de Pontevedra, responsables de albergues públicos e privados que se deron cita nunha xuntanza que se vén realizando de forma ininterrompida desde 2001

XIX Encontro Internacinal de Hospitaleiros do Camiño Portugués

Pontevedra acolleu este sábado a XIX edición do Encontro Internacional de Hospitaleiros do Camiño Portugués que se celebrou no hotel Galicia Palace.

Este encontro estivo impulsado pola Federación Internacional de Asociacións de Amigos do Camiño Portugués a Santiago e reuniu a case medio cento de hospitaleiros de Portugal (Braga, Guimaraes, Barcelos, Porto e Esposende) e de Pontevedra, responsables de albergues públicos e privados que se deron cita nunha xuntanza que se vén realizando de forma ininterrompida desde 2001.

Nesta edición a conferencia inaugural correu a cargo do alcalde de Vilanova de Arousa, Gonzalo Durán, que achegou aos hospitaleiros o proxecto Mar de Santiago.

Ademais, o encontro tamén serviu para compartir experiencias, aportar novas ideas e posibles melloras na atención e hospitalidade que se lle ofrece aos peregrinos ao longo dos albergues do Camiño Portugués.

Na clausura participou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, que destacou o "papel fundamental" que desenvolven de xeito voluntario os hospitaleiros que son, na maioría das ocasións, "a primeira cara que os peregrinos coñecen de Galicia", polo que gabou o seu traballo e a súa contribución para preservar a esencia do Camiño e difundir os contidos culturais e espirituais xacobeos.

Neste sentido, aspectos como a seguridade, a implantación dos protocolos anticovid impulsados pola Xunta e o plan de melloras e apertura de novos albergues nesta ruta, como o albergue de Vigo, se abordaron nas diferentes mesas redondas que se desenvolveron ao longo do día.