Pontevedra activa un gabinete de crise para coordinar as incidencias polo apagamento

Pontevedra
28 de abril 2025

Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pediu "paciencia e calma" aos cidadáns ante esta situación "extraordinaria"

Pontevedra, durante o apagamento xeneralizado da rede eléctrica Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra activou un gabinete de crise para coordinar todas as incidencias que se deriven do apagamento masivo que se rexistrou este luns en todo o país.

Así o anunciou o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que pediu "paciencia e calma" aos cidadáns ante esta situación "extraordinaria".

A responsable da área de seguridade e protección cidadá, Eva Vilaverde, explicou ante os medios de comunicación que o Concello "desde o minuto cero" decidiu coordinar todos os servizos municipais para afrontar as consecuencias do apagamento.

De maneira prioritaria, analizáronse as necesidades daqueles servizos con "especial incidencia" no benestar dos pontevedreses, sobre todo a Policía Local e os Bombeiros, que teñen garantidas as comunicacións debido ao uso de xeradores.

Vilaverde detallou que "estamos recibindo moitas chamadas de xente atrapada en ascensores", incidencias que se están atendendo "coordinadamente".

Ademais, tamén se mantén sen problemas a subministración de auga potable, xa que na estación potabilizadora hai 25.000 metros cúbicos de auga xa tratada, aínda que "se fora necesario tirariamos do Pontillón", que baixa á rede por gravidade e sen necesidade de impulso eléctrico.

A este respecto, desde o goberno municipal si piden "un pouco de mesura e certa racionalidade" no consumo de auga "para evitar picos que poidan provocar problemas"

"Temos garantidos os servizos básicos e estamos a esperar a ver o que dura o apagón", subliñou a concelleira de seguridade cidadá, que engadiu que todos os servizos municipais están "en preaviso" por se fixese falta reforzar algúns deles.

Nas dependencias administrativas do Concello, os xeradores eléctricos tamén garanten que non haxa problemas nos servidores, na rede de datos ou na sede electrónica municipal.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora