Pontevedra activará unha nova línea de axudas para sectores afectados pola covid-19

Pontevedra
09 de novembro 2020

O goberno municipal traballa nunha nova liña de axudas para contribuír á recuperación económica dos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19. Será algo similar ao programa Supera20 pero, segundo Anabel Gulías, "mesmo cun importe maior"

Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal
Anabel Gulías, portavoz do goberno municipal / Mónica Patxot

O goberno municipal traballa nunha nova liña de axudas para contribuír á recuperación económica dos sectores máis afectados pola pandemia da covid-19. Será algo similar ao programa Supera20 pero, segundo Anabel Gulías, "mesmo cun importe maior".

Estas axudas serán "finalistas", é dicir, non serán a fondo perdido senón que deberán estar ligadas a gastos e investimentos xa realizados ou que se proxecten no futuro. Para iso vanse a "reformular" as bases do programa actual para abarcar un maior abanico de casuísticas.

A portavoz do executivo municipal insistiu en que este tipo de contribucións teñen que ser "equitativas" e beneficiar aos sectores máis prexudicados pola crise económica que xerou a situación sanitaria.

O Concello, reiterou Gulías, é partidario de "reactivar" o gasto público para "mover a economía local", especialmente en sectores "clave" para a cidade de Pontevedra. Iso si, sen perder de vista que "preocupa" a redución de ingresos da administración municipal.

"O que temos que facer é insuflar recursos a sectores estratéxicos e que ninguén quede fóra desa repartición", engadiu.

A este respecto, a edil do BNG sinalou que lle resulta "curioso" que o PP propoña axudas de ata 7 millóns de euros e pediu aos políticos que sexan "responsables" para non crear expectativas en xente "que o está pasando mal".

"Non sei se o falaron con Rueda", ironizou a portavoz municipal, que considera que esta petición ao Concello é un "tirón de orellas" á Xunta de Galicia ao demostrar que as axudas aprobadas polo goberno galego son "insuficientes". 

AXUDAS SUPERA20

Con respecto ás axudas Supera2020, Anabel Gulías explicou que serán atendidas un total de 212 solicitudes. Tan só dez quedarán fóra por non cumprir algún dos requisitos. Delas, 107 xa están "totalmente revisadas" e o resto, pendentes da entrega dalgunha documentación adicional que xa foi requirida.

O Concello confía que, no prazo de dúas semanas, os servizos municipais completen a tramitación destas axudas e se poida convocar a comisión que, tras o correspondente certificado de non ter débedas coa administración, avaliará estas propostas.

A intención do goberno municipal é que a concesión destas axudas se aprobe definitivamente a finais de novembro, de forma que se poida dar a orde de pago. De entrada, Gulías asegura que todas as tramitadas ata o de agora recibirán toda a contía que solicitaban, ata un máximo de 5.000 euros por solicitude.