Pontevedra Alternativa quere devolverlle a súa "identidade propia" a barrios e parroquias

Pontevedra
08 de maio 2023

Para Pontevedra Alternativa (POAL), os barrios e as parroquias do municipio son una "parte esencial" do seu tecido social. De aí que impulsen unha campaña para recuperar a "identidade propia" de cada unha destas zonas que, ao seu parecer, "tende a desaparecer"

Campaña de Pontevedra Alternativa para promocionar os barrios da cidade Pontevedra Alternativa

Para Pontevedra Alternativa (POAL), os barrios e as parroquias do municipio son una "parte esencial" do seu tecido social. De aí que impulsen unha campaña para recuperar a "identidade propia" de cada unha destas zonas que, ao seu parecer, "tende a desaparecer".

Esta situación, segundo o partido que encabeza Carlos Fontán, "está agravado" pola falta de investimentos das administracións, o que deriva en "abandono e desinterese" por eles.

"O interese único por mellorar a calidade de vida no centro da cidade provocou que a vida nas parroquias, no rural ou nas rúas máis afastadas quedase esquecida", denuncian desde POAL.

Por iso, a campaña impulsada por eles busca, a través de carteis e nas redes sociais, reforzar a importancia destes barrios, comparándoos con outros lugares senlleiros.

Así, frases como "Sevilla terá Triana, Pontevedra ten O Burgo", "Vigo terá O Berbés, Pontevedra ten Estribela" ou "Madrid terá El Pardo, Pontevedra ten A Parda" compoñen parte desta campaña, que tamén lembra o importante patrimonio que hai en Pontevedra.

Esta iniciativa forma parte do plan deseñado por Pontevedra Alternativa para os barrios e parroquias, que apostan por humanizar e interconectar "de forma eficiente".

Mellorar o alumeado ou o saneamento, impulsar unha recollida regular do lixo, crear unha oficina móbil no rural e nos barrios para a realización de trámites da administración local ou activar unha programación cultural propia baseándose nas tradicións propias son outras destas propostas.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora