Pontevedra ampliará ata o 31 de xullo o período de actividade dos furanchos en situacións excepcionais

Pontevedra
30 de novembro 2020

A Xunta de Goberno do Concello aprobou a modificación da ordenanza que regula a actividade destes establecementos para ampliala un mes máis sempre que se dean circunstancias similares ás ocorridas neste 2020

Cartel dun furancho PontevedraViva

A Xunta de Goberno do Concello de Pontevedra aprobou este luns a modificación do artigo 8 da ordenanza que regula a apertura dos furanchos no municipio. Esta emenda recolle que, en caso de circunstancias excepcionais, o seu período de actividade poderá ampliarse ata o 31 de xullo.

A normativa recollía que estes establecementos só poderían exercer entre o 1 de xaneiro e o 30 de xuño. Con todo, a ampliación só poderá ser aplicable de forma extraordinaria e cando concorran circunstancias excepcionais que impidan o desenvolvemento ordinario da tempada como ocorreu este 2020 coa declaración do primeiro estado de alarma.

Con esta modificación, o Concello de Pontevedra dá por atendida unha solicitude realizada pola Federación de Furancheiros, Loureiros e Viticultores de Pontevedra presentada ante a Concellería de Urbanismo.