Pontevedra aproba o seu orzamento municipal para 2020

Pontevedra
07 de febreiro 2020

A corporación aprobou no pleno extraordinario celebrado este venres o orzamento municipal, cos votos a favor do BNG, Partido Socialista e Cidadáns e o rexeitamento do Partido Popular. O debate plenario vivido no Teatro Principal amosou as visións contrapostas do goberno local e do Partido Popular sobre este documento

Pleno do Concello de Pontevedra
Pleno do Concello de Pontevedra / Cristina Saiz

A corporación local do Concello de Pontevedra aprobou no pleno extraordinario celebrado este venres o orzamento municipal, cos votos a favor do BNG, Partido Socialista e Cidadáns e o rexeitamento do Partido Popular. O debate plenario vivido no Teatro Principal amosou as visións contrapostas do goberno local e do Partido Popular sobre este documento.

O alcalde de Pontevedra, o nacionalista Miguel Anxo Fernández Lores expresou a súa "satisfacción" polas contas do Concello para o ano 2020, por ser "altamente investidores" e garantir "o máximo equilibrio territorial".

O concelleiro de Facenda e portavoz do BNG, Raimundo González, considera que é "un orzamento de premio" que contempla un "salto adiante" na mellora de servizos e unha aposta social e ambiental así como "o maior investimento na historia deste concello" que situou nos 66 millóns de euros "froito do consenso, do diálogo e a transacción e avalado por tres forzas políticas".

Na mesma liña pronunciouse o tenente de alcalde e portavoz do Partido Socialista, Tino Fernández que resaltou que estes son "os mellores presupostos da historia de Pontevedra" que marcan a folla de roteiro "executable" dun "mandato para as persoas" e que foi elaborado por un "goberno sólido, estable e comprometido con Pontevedra" lamentando a "confrontación estéril" na que, ao seu xuízo, está instalado o PP.

Pola súa banda o concelleiro de Cidadáns, Goyo Revenga, xustificou o seu apoio aos orzamentos tras arrincar o apoio do grupo de Goberno a catro das súas emendas. Así asegurou que el quere "hacer política con la razón y no con las vísceras" e que "estoy aquí para resolver problemas y no para crearlos".

O portavoz do Partido Popular, Rafa Domínguez, presentou unha emenda á totalidade argumentado o voto en contra do seu grupo en que o orzamento é "pésimo" ademais de "ineficaz, inconcreto e ilusorio" chegando a dicir que será "un atraco a los pontevedreses a cambio de humo".

Raimundo González reprochou aos populares que debuxen un panorama "apocalíptico" e Tino Fernández dixo que os concelleiros do PP están a facer un "discurso preelectoral, seguindo as instrucións de Rueda, pero sen presentar ningunha proposta".

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora