Pontevedra, capital da cooperación municipalista

Pontevedra
19 de xuño 2015

O Fondo Galego de Cooperación e o IGADI xa están instalados no Centro Social Pontevedra Sur, abrindo unha etapa na que o Concello dá un paso máis na súa implicación con ambas as dúas institucións ou, o que é o mesmo, coa cooperación municipalista. Unha nova época que este venres viviu un día grande nas coincidindo co décimo aniversario do programa Vacacións con Traballo

Encontro de Vacacións con Traballo no décimo aniversario do programa Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade e o Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional (IGADI) xa están instalados no Centro Social Pontevedra Sur, abrindo unha etapa na que o Concello dá un paso máis na súa implicación con ambas as dúas institucións ou, o que é o mesmo, coa cooperación municipalista. Unha nova época que este venres viviu un día grande nas instalacións coincidindo co décimo aniversario do programa Vacacións con Traballo. 

A cita serviu para reunir unha vintena de técnicos de concellos e deputacións de toda Galicia que teñen participado no programa Vacacións con Traballo con experiencias de cooperación en terreo en Nicaragua, Cabo Verde, Cuba ou Perú. Entre eles estaba a pontevedresa Enma Teixeira López, que o ano pasado empregou o seu mes de vacacións para colaborar nun proxecto do Fondo Galego en Cabo Verde e fai un balance moi positivo da iniciativa: "as sensacións foron moi bonitas". 

"Eu sempre digo que me trouxen moito máis do que deixei; espero que deixara algo", indicou este venres, antes da xuntanza, esta orientadora laboral vinculada co Proxecto Iles. No seu caso, foi colaborar cunha asociación de mulleres chamada Sulada e un proxecto que traballaba o empoderamento feminino. A metade do seu traballo estivo vinculada co artesanato e a outtra metade  vencellouse coa formación e a alfabetización. 

Ademais de ter colaborado co citado proxecto, trouxo de regreso, como experiencia, a oportunidade de coñecer unha sociedade cunha "forma distinta de vivir a vida" e na que ve similitudes coa propia sociedade galega. "As mulleres caboberdianas tiñan un punto en común coas mulleres galegas, eran mulleres de costa, moi traballadores, mulleres que levaban a responsabilidade da familia como pasou en Galicia e como segue pasando, ellas eran as que facían subsistir as súas familias", explicou. 

Esta experiencia tivo a oportunidade de trasladada aos outros participantes na reunión, entre os que estaba a concelleira de Benestar de Pontevedra, Carmen Fouces, moi satisfeita de poder asistir ao "primeiro acto que o Fondo celebra en Pontevedra, a nivel de todo o país". A entidade é, ao seu xuízo, "un instrumento moi bo" no eido da cooperación, de aí que o Concello quixera dar "un paso máis alá" da aportación que levan facendo os últimos anos -15.000 euros anuais e aportacións puntuais- cedendo parte das instalacións do Centro Social Sur. 

O traslado foi efectivo xa hai máis dun mes, pero non se puido facer a inauguración das instalacións ao coincidir en plena campaña electoral, de modo que aproveitaron o encontro de Vacacións con Traballo para dar a coñecer que o Fondo e o IGADI xa están instalados en Pontevedra.