O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, será un dos ponentes da sesión de clausura de Walk 21, o congreso mundial sobre mobilidade que se celebrará o próximo mes de setembro na cidade alemá de Munich. Así o desvelou este xoves o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, quen destacou que se trata dun "recoñecemento máis" que sitúa á cidade "na palestra mundial" neste tipo de cuestións.
En concreto, Fernández Lores participará o 13 de setembro no que a organización do congreso denomina "mesa de alcaldes". Xunto a el sentaranse outros tres alcaldes: Hep Monatzeder (Munich), Anneli Hulthén (Goteborg) e Clover Moore (Sidney). Todos eles debaterán sobre os retos da promoción da mobilidae peonil e a súa aposta por cidades pensadas para os cidadáns.
Na invitación cursada ao alcalde de Pontevedra, o coordinador do congreso, Matthis Fiedler, asesor persoal do rexedor alemán, asegura que Walk 21 considera que o Metrominuto é "un excelente exemplo de como poñer en práctica a promoción da mobilidade peonil". Aseguran saber que, aínda que se trata dunha materia de recente implantación, en España ten "certa tradición" niso e recoñecen estar "moi interesados" en saber máis sobre Pontevedra.
Na mesa redonda na que participará Miguel Fernández Lores, o alcalde explicará, segundo sinalou Mosquera, "todo o que se fixo en Pontevedra". Trátase, dixo, "dun salto grande" na serie de recoñecementos que logrou o modelo de cidade nos últimos meses e vinculou esta invitación ao recente premio Intermodes, recollido en Bruxelas o pasado mes de febreiro, "porque amosaron moito interese non Metrominuto".
Tras destacar que se trata dunha invitación dunha "relevancia enorme", Mosquera explicou que tamén viaxará a Munich o enxeñeiro municipal Jesús Gómez Viñas, para participar noutra das conferencias do congreso. Nela explicará algunhas das actuacións levadas a cabo en Pontevedra para mellorar a mobilidade e a accesibilidade da cidade.