A proposta do PSOE para que Pontevedra se adhira ao convenio de colaboración coa Xunta, a Fegamp e a empresa pública Seaga para o mantemento e limpeza das faixas de protección contra incendios será aprobada no próximo pleno municipal, o luns 23 de xuño.
O goberno municipal xa anunciou que apoiará esta iniciativa e avanzou que os técnicos municipais están a valorar a mellor fórmula para sumarse a este traballo conxunto.
Este convenio, explicou o portavoz socialista Iván Puentes, ten como obxectivo consolidar un sistema de xestión da biomasa para reducir o risco de incendios nas zonas de protección duns 50 metros situadas arredor de núcleos de poboación e outras infraestruturas.
Pontevedra, lamentou Puentes, é un dos poucos concellos de Galicia que non están adheridos a este convenio, o que ao seu entender impide "loitar mellor" na prevención dos incendios.
Estas redes teñen un ámbito municipal e a súa función principal é a protección de núcleos de poboación, infraestruturas, equipamentos sociais, zonas edificadas, parques e polígonos industriais e permiten mesmo actuar en caso de incumprimento dos propietarios.
O Concello de Pontevedra, segundo os socialistas, ten unha media de 200 denuncias anuais vinculadas á falta de limpeza de terreos forestais próximos a vivendas, "sen que se lles estea a dar a esta situación de perigo unha resposta axeitada".
Recordaron que Pontevedra está considerado como un concello de nivel moi alto de risco de incendios, polo que desde o PSOE insisten en que ao ser un municipio con extensas áreas de ámbito urbano-forestal, "consideramos esencial a adhesión a este convenio".
O mantemento das franxas de protección implica a limpeza de maleza e de arborado, esencialmente piñeiros, eucaliptos, mimosas e acacias, "que son as especies que están prohibidas nesa contorna de 50 metros".
Ademais, a Xunta pode facilitar outras árbores con capacidade natural de protección contra os incendios, como son frondosas como carballos ou castiñeiros.