Pontevedra converterase na "Provincia Tonucci"

Pontevedra
16 de marzo 2017

Entre abril e xuño están previstas ducias de actividades entre as que destacan unha visita do propio pedagogo italiano, que percorrerá varias comarcas, unha exposición retrospectiva das súas viñetas, e a celebración dun encontro da rede española de "Cidades dos nenos" auspiciada baixo a súa filosofía

César Mosquera presentou as actividades organizadas ao redor do psicopedagogo Tonucci Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra converterá Pontevedra na "provincia Tonucci" entre abril e xuño coa organización de ducias de actividades entre as que destacan unha visita do propio pedagogo italiano, que percorrerá varias comarcas, dunha exposición retrospectiva das súas viñetas, e a celebración dun encontro da rede española de cidades dos nenos auspiciada baixo a súa filosofía.

A intención é achegar ao público a súa visión da infancia, da pedagoxía e dos espazos públicos, que segundo defende, deben ser deseñados á medida das crianzas para que poidan ser aproveitados polo resto da cidadanía.

"Vai ser algo que pola súa trascendencia e potencia, polas actividades programadas e pola propia presencia de Tonucci, dificilmente sexa comparable a ningunha actuación feita ata agora tanto en Pontevedra ou noutras localidades", subliñou o vicepresidente Mosquera, quen indicou que o departamento de Mobilidade da Deputación leva traballando dende o ano pasado para poder poñer en marcha todos os eventos. 

Entre o 28 de abril e o 11 de xuño no Pazo da Cultura de Pontevedra acollerá a exposición "Imaxinar a educación. 50 anos con Frato"

Na semana do 22 ao 29 de abril, o propio pedagogo italiano percorrerá a provincia con conferencias visitas a concellos e outras actividades.

Finalmente o 25 e 26 de maio, Pontevedra acollerá a reunión anual da Rede Española de Cidades dos nenos, que achegará ata a cidade do Lérez a máis dun cento de representantes de administracións e entidades de todo o Estado para expoñer o seu traballo, contrastar as súas iniciativas e, sobre todo, para coñecer "in situ" o coñecido "modelo Pontevedra".