O consello de Tonucci: adaptar o modelo urbano de Pontevedra á personalidade de Cambados e O Grove

O Salnés
26 de abril 2017

O pedagogo italiano Francesco Tonucci continúa a súa xira pola provincia de Pontevedra e este martes desprazouse ata a comarca do Salnés. "Copiar non é bo, inspirarse é o axeitado", subliñou Tonucci, que en Cambados manifestou a súa sorpresa polo tránsito continuo de coches pola praza de Fefiñáns

Visita de Tonucci a O Grove
Visita de Tonucci a O Grove / Deputación Provincial de Pontevedra

O pedagogo italiano Francesco Tonucci continúa a súa xira pola provincia de Pontevedra e este martes desprazouse ata a comarca do Salnés, con visitas a Cambados e O Grove. En ambos os dous municipios, aconsellou tomar como referencia o modelo de cidade de Pontevedra, adaptándoo sempre ás súas características particulares e á personalidade de cada vila. 

Tonucci realizou as visitas acompañado polo vicepresidente provincial, César Mosquera, e o deputado de Mobilidade, Uxío Benítez. Acudiu aos concellos da comarca adheridos á rede de cidades dos nenos que el mesmo creou e subliñou o traballo que están a realizar para recuperar as vilas para os veciños. Nos seus consellos, indicoulles que é necesario que adapten o modelo a cada vila para facer que a aposta funcione e os espazos públicos volvan ser realmente para as persoas.

"Copiar non é bo, inspirarse é o axeitado", subliñou Tonucci, que en Cambados se reuniu coa alcaldesa, Fátima Abal, participou nun xantar de traballo e fixo un percorrido pola vila no que manifestou a súa sorpresa polo tránsito continuo de coches pola praza de Fefiñáns.

No Concello do Grove, reuniuse tamén co alcalde, José Antonio Cacabelos, e coa concelleira de Educación, quen explicou o traballo que se está a realizar para a implantación de camiños escolares. O alcalde Cacabelos trasladoulle a intención do goberno local de peonalizar algunhas das rúas da vila e retirar os coches para ganar así espazos para a veciñanza. 

Tonucci tamén tivo a oportunidade de coñecer os proxectos educativos do CEIP Viñagrande de Deiro, en Vilanova de Arousa. O director do centro explicou que as actividades do colexio están moi baseadas na filosofía do pedagogo italiano: todos os días os alumnos desenvolven actividades psicomotrices a primeira hora, pasan despois á aula de aprendizaxe lúdica e dispoñen de contextos de aprendizaxe diferentes.