Frato amosa como facer visible o invisible do universo infantil

Pontevedra
28 de abril 2017

Dende este venres ata o 11 de xuño pode visitarse no Pazo da Cultura a exposición 'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato', que foi inaugurada polo propio autor Francesco Tonucci acompañado pola presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera e a alcaldesa en funcións, Carme da Silva

Francesco Tonucci emociónase no seu discurso na inauguración da exposición ao lembrar a súa muller / PontevedraViva

O pedagogo Francesco Tonucci dedicaba unha carta á súa "alter ego" Frato, o debuxante, na inauguración da exposición 'Imaxinar a Educación. 50 anos con Frato'. Unha mostra que se pode visitar desde este venres ata o 11 de xuño. Emocionado ao lembrar á súa esposa, falecida recentemente, o autor italiano felicitaba ao seu outro eu polo éxito alcanzado durante tantos anos convertendo aos personaxes das súas viñetas, sempre sen nome, en referentes para pais e educadores. 

O pedagogo destacaba a meta lograda con eses debuxos defendendo os menores utilizando a sátira nun espazo como o da Educación. Tonucci comezara a súa carreira como autor de tiras cómicas empregando este pseudónimo (Frato) para ocultar a súa verdadeira identidade e, desde entón, mantivo unha relación coa súa faceta de debuxante un tanto esquizofrénica, conflitiva e tamén afectuosa.

Con todo, concluíu o seu discurso esperando que poida seguir acompando o seu traballo "ao lado das nenas e os nenos".

Ao acto acudiron a presidenta da Deputación Carmela Silva, o vicepresidente César Mosquera, a alcadesa en funcións do Concello de Pontevedra, Carme da Silva e o xefe territorial de Educación, César Pérez Ares, ademais do alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, entre outras autoridades. 

A presidenta provincial sinalou na súa intervención que a educación é o instrumento para construír un mundo mellor e destacou a importancia de educar en liberdade para que os escolares non se convertan en persoas que respondan de forma homoxénea. Para César Mosquera, o esforzo realizado para montar esta exposición foi un traballo que "valeu moitísimo a pena" e sinalou que xa tiveron que limitar as solicitudes de visitas de escolares a esta mostra. Da mesma forma, Carme da Silva destacaba a importancia de defender os dereitos dos nenos para que os exerzan en plenitude.

Está previsto que nas próximas semanas pasen pola sala de exposicións do Pazo da Cultura máis de 3.600 escolares de toda a provincia acompañados de 300 docentes, que poderán ver os traballos de Frato e as curiosidades da súa evolución creativa a través de diferentes talleres.

Na exposición pódese visitar un obradoiro de bicicletas, outros sobre a natureza e dúas de xogos, ademais dun espazo para o debate infantil.

Tamén se proxectan tres vídeos sobre a figura de Tonucci e entre o material que se expón atópase unha colección con oitenta das plumas que, ao longo dos anos, utilizou para realizar as viñetas nas que, segundo manifesta con orgullo, logrou facer visible o invisible, de maneira que se visualice o que moitas veces os nenos calan.