Tonucci fala dos seus 40 anos con ollos de neno

Pontevedra
29 de abril 2017

Francesco Tonucci deu voz a Frato e, con imaxes das súas viñetas, ofreceu na tarde deste venres unha conferencia no Pazo da Cultura coa presenza de moito público mozo

Conferencia de Francesco Tonucci no Pazo da Cultura
Conferencia de Francesco Tonucci no Pazo da Cultura / Mónica Patxot

Francesco Tonucci falaba durante a tarde deste venres da súa faceta como debuxante, baixo o pseudónimo de Frato, no Pazo da Cultura antes da inauguración oficial da exposición que permanecerá aberta ao público ata o 11 de xuño na sala de exposicións do recinto.

O autor, acompañado da actriz pontevedresa Bea Campos, explicaba como iniciara a súa traxectoria como autor de tiras cómicas, hai xa 40 anos, con personaxes tan simbólicos e característicos que utilizando a ironía reflicten as preocupacións dos nenos.

Desta forma, ante numeroso público, principalmente novos, foi mostrando as súas viñetas e explicando os conceptos fundamentais dos seus traballos nos que tenta empregar o humor para que os adultos reflexionen sobre a educación.

O autor, recentemente galardoado co Honoris Causa pola Universidade de Oviedo, sinalaba que está a preparar un novo libro no que se centrará na utilización da bicicleta como medio de transporte.

Tonucci reclamaba tamén á Xunta de Galicia, á Deputación e ao Concello a implantación dunha materia nos programas educativos sobre a bicicleta.