Francesco Tonucci é Frato. O investigador e pedagogo italiano referente no mundo da educación que se atopa en Pontevedra ofrecendo os seus coñecementos en relación coa infancia utiliza este pseudónimo para realizar o seu traballo como debuxante.
Unha selección das súas mellores viñetas expoñeranse no Pazo da Cultura de Pontevedra a partir do próximo venres 28 nunha mostra na que tamén se poderán ver obxectos, instrumentos de traballo, fotos, vídeos, libros e outros elementos que permitirán un achegamento á súa particular forma de entender o mundo.
Tonucci é un investigador que, a través dos seus debuxos, mostra como os nenos entenden a realidade, a escola, a familia e a cidade, así o explicaba o autor esta mañá na Deputación de Pontevedra na presentación desta mostra, coa presidenta provincial Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera. A máxima responsable da institución destacou o compromiso por parte do goberno da Deputación co modelo de cidade que proxecta Tonucci no que o prioritario son as persoas. Na mesma liña manifestábase Mosquera ao indicar que a presenza dunha figura como a do investigador italiano axuda a dinamizar un modelo democrático nas cidades e nas escolas da provincia.
O creador italiano sinalaba que os personaxes dos seus debuxos diferéncianse polo pelo, xénero e características pero carecen de nomes e iso permite que os espectadores atopen neles claras referencias aos seus fillos, aos seus alumnos ou a eles mesmos. Tonucci comezou a publicar as súas viñetas como Frato no ano 68 na revista 'Reforma da escola', que se publicaba en España e na que tamén incluía artigos asinados polo seu auténtico nome. O investigador, que na súa visita a Galicia atópase acompañado polo seu fillo, o arquitecto Stefano Tonucci, sinalaba tamén que os seus traballos preséntanse como críticas irónicas que provocaban o rexeitamento dos seus detractores ou conmovían aos seus seguidores.
A mostra poderá visitarse ata o 11 de xuño. Este venres 28 inaugurarase cunha conferencia inaugural a partir das 17.30 horas no auditorio do Pazo da Cultura. Ao longo da semana, o autor ofrecerá diversas charlas en varias comarcas da provincia.
#SomosTonucci
A presidenta da Deputación invitou os pontevedreses a que realicen fotos das estatuas dos personaxes de Frato que se atopan instaladas en distintos puntos da cidade. Aqueles que colgen as fotos na rede social Twitter co hashtag #SomosTonucci participarán nun sorteo no que se repartirán varios lotes de libros para adultos e nenos. Algúns dos libros estarán asinados polo propio autor italiano.