O Concello de Pontevedra conxelará por segundo ano consecutivo as taxas e impostos municipais "debido á conxuntura económica que están a atravesar os pontevedreses". Anunciouno a voceira municipal, Anabel Gulías, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno local na que se acordou esa conxelación.
Gulías indicou que este acordo adoptado polo goberno local ten como obxectivo reducir a carga impositiva e que a cidadanía "poida enfrontar estes tempos duros provocados por un goberno estatal do PP e por decisións políticas totalmente alleas e diferentes dás que teríamos tomado nós".
A Xunta de Goberno tamén acordou aplicar unha exención do 95% no pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) á Universidade de Vigo polas súas propiedades en Pontevedra, unha medida que implicará unha modificación da ordenanza fiscal e que chega despois dunha época na que o Concello e a institución académica tiñan un "desacordo" polo pagamento deste imposto, que supón uns 26.000 euros ao ano, segundo informara o Concello no ano 2013.
En función desta decisión da Xunta de Goberno, a universidade tan só pagará o 5% do importe total que lle correspondería. De todos os xeitos, esta nova situación abordarase nunha reunión que manterán ambas as dúas institucións nas próximas semanas.
Ao respecto, cabe recordar que a Universidade de Vigo leva pedindo varios anos ao Concello que o eximise do pagamento do IBI nun desacordo entre administracións que chegou á vía xudicial. En 2013 un xulgado obrigou o Concello a que estudase a reclamación da institución universitaria.