Pontevedra conxelará as taxas por segundo ano e exime a universidade do 95% do IBI

Pontevedra
31 de agosto 2015

En función desta decisión da Xunta de Goberno, a Unviersidad tan só pagará o 5% do importe total que lle correspondería. De todos os xeitos, esta nova situación abordarase nunha reunión que manterán ambas as dúas institucións nas próximas semanas

Vista aérea do Campus Universitario Universidade de Vigo

O Concello de Pontevedra conxelará por segundo ano consecutivo as taxas e impostos municipais "debido á conxuntura económica que están a atravesar os pontevedreses". Anunciouno a voceira municipal, Anabel Gulías, tras a reunión semanal da Xunta de Goberno local na que se acordou esa conxelación.

Gulías indicou que este acordo adoptado polo goberno local ten como obxectivo reducir a carga impositiva e que a cidadanía "poida enfrontar estes tempos duros provocados por un goberno estatal do PP e por decisións políticas totalmente alleas e diferentes dás que teríamos tomado nós".

A Xunta de Goberno tamén acordou aplicar unha exención do 95% no pagamento do Imposto de Bens Inmobles (IBI) á Universidade de Vigo polas súas propiedades en Pontevedra, unha medida que implicará unha modificación da ordenanza fiscal e que chega despois dunha época na que o Concello e a institución académica tiñan un "desacordo" polo pagamento deste imposto, que supón uns 26.000 euros ao ano, segundo informara o Concello no ano 2013.

En función desta decisión da Xunta de Goberno, a universidade tan só pagará o 5% do importe total que lle correspondería. De todos os xeitos, esta nova situación abordarase nunha reunión que manterán ambas as dúas institucións nas próximas semanas.

Ao respecto, cabe recordar que a Universidade de Vigo leva pedindo varios anos ao Concello que o eximise do pagamento do IBI nun desacordo entre administracións que chegou á vía xudicial. En 2013 un xulgado obrigou o Concello a que estudase a reclamación da institución universitaria.