Pontevedra conxelará por quinto ano consecutivo todas as súas taxas e impostos

Pontevedra
15 de outubro 2018

"Van ser exactamente iguais que nos últimos anos", sinalou o edil de Facenda, Raimundo González, que engadiu que a diferenza doutros municipios tampouco se actualizará o IPC correspondente ao último ano que, ao 30 de setembro, é do 2,3%

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

Non haberá subida nas taxas e impostos que cobra o Concello de Pontevedra en 2019. Por quinto ano consecutivo, o goberno municipal decidiu conxelalas.

"Van ser exactamente iguais que nos últimos anos", sinalou o edil de Facenda, Raimundo González, que engadiu que a diferenza doutros municipios tampouco se actualizará o IPC correspondente ao último ano que, ao 30 de setembro, é do 2,3%.

Esta decisión supón o "primeiro paso" para a elaboración dos orzamentos municipais de 2019 que, en relación aos ingresos por esta presión fiscal, preverán unha recadación duns 45 millóns de euros.

A actualización do IPC, segundo González, supoñería un millón de euros extra, que o goberno municipal renuncia a ingresar coa conxelación de taxas e impostos.

O Concello reitera que o obxectivo é que "pague todo o mundo" e que en Pontevedra exista "equidade fiscal" entre os cidadáns.

O responsable das contas municipais destacou que Pontevedra está "nos últimos postos" entre os concellos con maior presión fiscal, segundo recolle o ránking que anualmente elabora o Concello de Madrid.

Así, no imposto de bens inmobles (IBI) Pontevedra ocupa o posto 42 entre as capitais de provincia, na viñeta sitúase no 44, no imposto de actividades económicas (IAE) no 34, na plusvalía no 39 e no imposto de obras e construcións (ICIO) no 40.

Con respecto á elaboración do orzamento para 2019, os servizos económicos do Concello xa están a realizar os primeiros trámites contables como os cálculos de nóminas ou as amortizacións de préstamos.

A intención é esperar unhas semanas para que o Goberno central elabore un borrador dos orzamentos do Estado, que fixará entre outras cuestións o incremento salarial dos funcionarios ou as transferencias de fondos aos concellos, dous aspectos que condicionan a confección destas contas.