Pontevedra crea grupos de apoio para arroupar a persoas LGTBIQA+

Pontevedra
15 de xullo 2021

Ante un escenario no que están a aumentar os discursos de odio, Pontevedra dá un paso adiante e creará grupos de apoio para formar ámbitos seguros para as persoas con diversidade sexual ou afectiva. Buscan ser un espazo de "desafogo" e asesoramento en materia LGTBIQA+

Concentración en Pontevedra polo asasinato de Samuel Luiz na Coruña
Concentración en Pontevedra polo asasinato de Samuel Luiz na Coruña /

Ante un escenario no que están a aumentar os discursos de odio, Pontevedra dá un paso adiante e creará grupos de apoio para formar ámbitos seguros para as persoas con diversidade sexual ou afectiva. Buscan ser un espazo de "desafogo" e asesoramento en materia LGTBIQA+.

Esta iniciativa estará coordinada polo Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra (CIDES) e pretende replicar o éxito dos grupos de apoio para as familias con menores trans, estendendo o seu ámbito a todo o colectivo.

A edil de Igualdade, Yoya Blanco, recoñece que o incremento das agresións e delitos homófobos ou tránsfobos resulta "moi preocupante", polo que entende que as administracións deben posicionarse "de xeito contundente" contra este fenómeno.

Así, estes grupos serán un punto de encontro no que "sentirse comprendidos, abordar cuestións que non saben onde falar, resolver dúbidas, coñecer xente que se poida atopar na mesma situación e, sobre todo, no que aprender e expresarse con liberdade", engade Blanco.

A coordinadora do CIDES, Ada Otero, licenciada en Dereito e especialista en violencia contra as mulleres, será a encargada de organizar e dirixir as sesións.

Esta acción está pensada para grupos dun máximo de sete persoas, "de xeito que se poida aproveitar ao máximo o tempo con todos os asistentes", explica Otero, e as sesións desenvolveranse "con case total probabilidade" nas tardes dos mércores, xoves e venres.

Durante o ano 2020, foron 77 as persoas atendidas polo Centro de Información en Diversidade e Sexualidade de Pontevedra, das que corenta foron orientacións e acompañamentos persoais sobre xénero e sexualidade. Entre maio e xullo de 2021, foron 27 os contactos.

Entre outros asuntos, os usuarios e usuarias expresaron a súa preocupación por "saír do armario", pediron información sobre como acceder a tratamentos hormonais e narraron problemas familiares ou as súas dificultades para encontrar traballo.

Ada Otero asegura que "houbo un par de casos de persoas que me confesaron ter sufrido agresións LGTBIfóbicas", pero ningunha delas chegou a formalizar a denuncia.

Ademais, desde o CIDES tamén recibiron consultas para abordar unidades didácticas para impartir nas aulas ou peticións de axuda para presentar teses e traballos universitarios centrados en temáticas como a realidade e as problemáticas das persoas trans, a visibilidade do colectivo LGTBIQA+, a construción do xénero ou a teoría queer.