Pontevedra dá o pistoletazo ao 8-M co despregamento dunha pancarta reivindicativa

Pontevedra
03 de marzo 2020

A axenda está repleta de actos durante toda a semana con exposicións, charlas e a manifestación que partirá o domingo ás 17.30 horas da praza do Hospital Provincial

Pancarta 8M Casa Consistorial
Pancarta 8M Casa Consistorial / Boris Rodríguez Pintos

O goberno local despregou este martes unha pancarta reivindicativa do balcón da Casa do Concello con motivo da celebración do Día Internacional da Muller, que terá lugar o 8 de marzo e que conlevará un amplo abanico de actividades ao longo desta e da próxima semana. "Despregamos a pancarta para dar inicio aos actos con motivo deste día de reivindicación", declarou a concelleira de Igualdade e Benestar Social, Paloma Castro, despois do acto.

A axenda reivindicativa está repleta de eventos. O próximo está fixado para o venres coa inauguración dunha exposición na Casa da Luz e, ao día seguinte no Teatro Principal, "imos ter unha charla con dúas mulleres activistas refuxiadas en España que falarán sobre a situación da muller en Sudamérica e en países musulmáns", explicou a edila.

O domingo desembarcará en Pontevedra o Tour Universo Muller para destacar a importancia do deporte feminino nunha carpa na que todo o mundo terá a oportunidade de practicar unha ampla variedade de disciplinas deportivas, así como de participar nunha andaina popular.

Ademais, toda a cidadanía está convidada a participar na marcha pola igualdade que partirá ás 17.30 horas da praza do Hospital Provincial para percorrer as principais rúas da capital da provincia. "Os socialistas entendemos que o 8-M é día de reivindicación, pero en positivo porque temos que puxar pola igualdade para así conquerir unha sociedade máis xusta", sinalou Castro.

A próxima semana comezará cun flashmob na Praza da Ferrería a cargo de diversos colectivos, entre os que haberá tamén estudantes; e o martes na Casa do Concello abrirá as súas portas unha nova exposición efémera que reivindica a igualdade e ten como obxectivo poñer o valor o papel da muller na sociedade.