Pontevedra di non á prisión permanente revisable

Pontevedra
09 de febreiro 2018

A corporación municipal de Pontevedra mostrou este venres o seu rexeitamento á prisión permanente revisable. O PP quedou só no seu apoio á máxima pena privativa de liberdade que recolle o Código Penal español. Fíxoo entre duras críticas do resto dos partidos que lle acusaron de xogar co sufrimento das familias

Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra
Pleno municipal no Teatro Principal de Pontevedra / Mónica Patxot

A corporación municipal de Pontevedra mostrou este venres o seu rexeitamento á prisión permanente revisable. O PP quedou só no seu apoio á máxima pena privativa de liberdade que recolle o Código Penal español. Fíxoo entre duras críticas do resto dos partidos que lle acusaron de xogar co sufrimento das familias.

O edil José Luis Martín defendeu a moción presentada polo PP e explicou que se aprobou no seu día ante a "continua exposición" da sociedade española aos "más crueles crímenes" e a ausencia dunha figura legal que castigase "en proporción" estes casos de "extrema gravedad".

Engadiu que é unha pena "habitual" en todos os países europeos e que, en España, conta cun apoio "aplastante" dos cidadáns. Así, Martín asegurou que o PP é o único partido que "se solidariza" coas vítimas e vaticinou que o Tribunal Constitucional, tras estudar os recursos presentados na súa contra, dará o seu visto e prace a esta medida.

Esta argumentación desatou as críticas do resto da corporación que, nas súas respectivas intervencións, mostraron a súa "solidariedade" coas familias das vítimas que solicitan que non se derrogue a prisión permanente revisable.

O portavoz de Marea, Luís Rei, censurou a moción do PP e afirmou que facer "demagoxia" co sufrimento das familias "é o máis ruín que se pode facer en política". María Rey, edil de Cidadáns, tamén acusou aos populares de utilizar ás vítimas "con fins partidistas" e pediu regular o cumprimento íntegro das penas.

Desde as filas socialistas, Agustín Fernández sinalou que esta moción era froito da "miseria política" dos populares, por " xogar coa dor das familias" para poder "desviar do foco mediático" o feito de que o Partido Popular está "podrido" pola corrupción. O sistema represivo español, sen esa figura, é " máis que suficiente", dixo.

Vicente Legísima, edil do BNG, tamén lamentou que os populares utilicen a dor e os destas familias e lembrou que os sentimentos de repulsa e vinganza son "facilmente manipulables", polo que o Goberno non debe gobernar a base de "impulsos" xa que, en caso contrario, España converteríase nun estado "vingativo".