Pontevedra e comarca teñen garantida a subministración de auga ata setembro

Pontevedra
19 de xullo 2017

O portavoz do goberno local Raimundo González fai un chamamento para que a poboación realice un uso racional da auga desde un punto de vista medio ambiental. O consumo diario no verán está a ser de una media de 35.000 metros cúbicos cando en inverno sitúase arredor dos 20,000

O portavoz do goberno local, Raimundo González, visita a estación de bombeo do Lérez Mónica Patxot

O consumo de auga realizado por habitantes de Pontevedra e da comarca procedente da estación de bombeo de Couso (Lérez) sitúase en 35.000 metros cúbicos de media durante este verán, cando no inverno é de 20.000 metros cúbicos.

Raimundo González, portavoz do goberno local de Pontevedra, sinalaba que este consumo actual correspóndese co que realizan 160.000 habitantes, o dobre da poboación do municipio. Explicaba ademais que Marín, Bueu ou Sanxenxo, concellos que tamén reciben auga da capital, están a empregar as súas subministracións.

En todo caso, González afirmou que a subministración está garantida, dende o Lérez, ata setembro con este consumo de auga e aínda que non chova durante o resto do verán. Con todo, pediu á poboación que faga un consumo responsable da auga desde un punto de vista medio ambiental. O representante municipal visitaba este mércores as instalacións da estación de bombeo situada na marxe do Lérez.

A situación do río é, apuntou, similar á de 2015 e mellor que a sufrida en 2013 onde foi necesario acudir ás reservas do Pontillón do Castro para o abastecemento e tivéronse que adoptar medidas restritivas do consumo de auga.

O portavoz do goberno local de Pontevedra engadiu que en caso de emerxencia antes de recorrer á auga do Pontillón reduciríase e mesmo se eliminaría o consumo de auga de Ence e anularíase a limpeza de rúas con auga ou a rega dos xardíns.

Os principais picos de consumo de auga prodúcense tradicionalmente nas xornadas de cambio de mes e en festivos como o do próximo 25 de xullo.