Ante as verteduras "reiteradas" que se producen á ría de Pontevedra desde o punto de colector de Cocheiras, o goberno municipal esixiu á Xunta de Galicia que resolva este problema de maneira "inmediata" e que deixe de "eludir as súas responsabilidades".
A concelleira Carme da Silva explicou que este problema está "localizado" desde hai tempo e a súa solución é "coñecida", xa que así se recolle no plan de saneamento da ría de Pontevedra, deseñado polo goberno galego.
A EDAR dos Praceres, lembrou Da Silva, ten un sistema que cando entra demasiada auga nela, por exemplo en época de choivas, "alivia" á ría a través de Cocheiras, o punto elixido no seu día pola administración autonómica.
Este problema viuse agudizado tras as obras da variante de Marín. Un tramo deste colector reduciu a súa capacidade o que, segundo a edil do BNG, "estrangula" o sistema e a súa capacidade de desaugadoiro viuse reducida de maneira "moi importante".
A "mala execución" desta obra, entende o goberno municipal, reduciu a capacidade hidráulica destas canalizacións que, entre Cocheiras e a EDAR, son responsabilidade de Augas de Galicia, á que lle solicitan que resolvan esta situación "con carácter inmediato".
Tras lamentar que este organismo "falta á verdade" insinuando que estas verteduras proceden dun ben de titularidade municipal, Carme da Silva sinalou que este non é un problema de Pontevedra senón do estado no que se atopa o saneamento na ría.
A este respecto, Da Silva lembrou que o plan de saneamento da Xunta xa identifica este colector de Cocheiras como unha das obras "prioritarias" e que está orzada en case 3,7 millóns de euros que, segundo este documento, se pagarían con fondos europeos.
Estes traballos, segundo defende o Concello, poden ser contratados de maneira "inmediata" porque xa existe un proxecto e as obras non requiren de expropiacións porque sería actuar nunha vía pública para substituír un colector por outro de maior capacidade.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.