O Concello de Pontevedra constituíu esta semana o Consello Verde Urbano, un organismo informativo e participativo creado como tribuna medioambiental e canle estable para o seguimento e o debate sobre proxectos de rexeneración urbana e recuperación da biodiversidade.
Forman parte del diversas entidades, como a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo, a Mancomunidade de Montes, as asociacións Vaipolorío y APDR, a Mesa pola Recuperación do Río Valdecorvos, a Federación de Asociacións de Veciños Castelao e o concelleiro de Servizos urbanos básicos, Xaquín Moreda.
Este último destacou que se trata dunha "mesa de continuidade" para manter informada á cidadanía sobre a renaturalización constante de Pontevedra.
Na súa primeira reunión, expuxeron o estado e a planificación de RedeVerde Pontevedra, o programa municipal que promove a renaturalización urbana e o reforzo da infraestrutura verde para aumentar a resiliencia ante o cambio climático, mellorar a biodiversidade e a calidade de vida na cidade.
RedeVerde conta co apoio da Fundación Biodiversidade (Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico) dentro do marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e fondos europeos NextGenerationEU.
O proxecto ten como actuación principal a restauración ecolóxica do tramo urbano do río Gafos, que avanza na súa tramitación, así como a da Xunqueira da Gándara (Marisma de Alba).
Ademais, o plan contempla o desenvolvemento dunha Estratexia Local de Infraestrutura Verde e Resiliencia Urbana, a delimitación de áreas núcleo e corredores, a identificación de riscos naturais e vulnerabilidades, e a elaboración dun plan de acción que sitúe a Pontevedra como referente da renaturalización en cidades costeiras atlánticas.
Para implicar á sociedade, porán en marcha actividades de divulgación e participación, como os laboratorios 'Renaturaliza a túa vila' pensados para que o alumnado de primaria propoña ideas para renaturalizar a súa contorna, casetas medioambientais abertas á cidadanía, rutas temáticas en espazos emblemáticos e visitas guiadas con expertos.
O compoñente técnico e o intercambio de coñecementos reforzaranse cun congreso internacional organizado en 2025 pola Universidade da Coruña, dedicado a solucións baseadas na natureza para a transformación urbana e adaptación ao cambio climático, consolidando así o carácter innovador e a proxección de RedeVerde Pontevedra.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.