Pontevedra prepárase para o 'Momento Calma', o primeiro foro sobre benestar feminino na peri e menopausa

Pontevedra
18 de novembro 2025
Actualizado: 19 de novembro

Este foro promete non só aprender, senón tamén transformar a forma en que se vive e se entende a menopausa. Será este próximo sábado 29 de novembro no Teatro Principal

Presentación do foro Momento calma
Presentación do foro Momento calma / PontevedraViva

Pontevedra acollerá o próximo sábado 29 de novembro a celebración de 'Momento Calma', o primeiro Foro da Muller e o Benestar na Peri e Menopausa.

A súa presentación, realizada este martes no Concello de Pontevedra, deixou claro que non se trata dun evento máis, senón dun espazo pioneiro pensado para dar voz, resposta e acompañamento a todas aquelas mulleres que buscan información rigorosa, apoio profesional e tamén un lugar onde compartir experiencias reais nun ambiente de confianza.

"Un foro pensado dende unha perspectiva e de un punto de vista feminista que creo que é mais importante", sinalou a concelleira de Benestar Social, Anabel Gulías.

Fixo referencia a que "durante moito tempo os temas que teñen que ver coa saúde das mulleres estiveron infravalorados, minusvalorados e, o peor de todo, é que as veces incluso estiveron ridiculizados e frivolizados".

O encontro desenvolverase ao longo de toda a xornada no Teatro Principal, con entrada gratuíta -aínda que con inscrición previa obrigatoria- e estará conducido pola xornalista de RTVE Julia Varela, coñecida polas súas reportaxes, polo seu labor como presentadora en Dúos Increíbles e pola súa longa traxectoria como comentarista do Festival de Eurovisión.

A programación arrancará ás dez da mañá coa xinecóloga María Fernández Rial, especialista en saúde hormonal e menopausa, que abrirá o debate falando dos cambios, mitos e realidades arredor desta etapa vital.

Seguiralle ás 10:30 horas Lorena Quintáns, asesora nutricional, que centrará a súa intervención na importancia da alimentación e os hábitos saudables na peri e menopausa.

Ás 11:00 tomará a palabra a farmacéutica Loreto Iglesias, quen explicará o papel esencial deste sector no acompañamento das mulleres máis aló do mostrador.

Xa ás 11:30 horas, o investigador en endocrinoloxía Ismael González García, con máis de trinta publicacións científicas ás súas costas, ofrecerá unha actualización sobre as novas fronteiras na investigación da menopausa.

A sesión matinal completarase ás 12:30 coa fisioterapeuta Ana Latorre, que defenderá a importancia do adestramento de forza para o benestar físico e hormonal nesta etapa.

Un dos momentos máis emotivos chegará ás 13:00 horas coa Mesa Redonda de Experiencias, na que Raquel Fernández, Alicia Esteban e Ana Gayoso compartirán vivencias persoais nun diálogo moderado pola psicóloga Ángela Patricio.

Inmediatamente despois, ás 13:40 horas, a xinecóloga e obstetra Alexandra Henríquez presentará o seu libro Ser mujer, que afonda na saúde feminina cunha perspectiva integradora.

A tarde retomarase ás 16:05 horas coa educadora social e dietista Áurea González, que abordará a pregunta que tantas mulleres se fan: que suplementación é realmente necesaria na menopausa?.

Ás 16:35 será a quenda do cardiólogo Sergio Raposeiras, quen destacará as relacións entre menopausa e saúde cardíaca, un ámbito do que "case ninguén fala", tal como adiantan os organizadores.

A fisioterapeuta e osteópata Yaeli Bermello falará ás 17:05 horas para tratar o papel do solo pélvico e as novas formas de atopar equilibrio corporal.

Ás 17:35 intervirá a matrona Lidia Lestegás, que afondará nas implicacións clínicas da diminución estroxénica e na saúde vaxinal durante a menopausa.

Pechará o foro, ás 18:15 horas, a psicóloga Ángela Patricio, cunha reflexión sobre a saúde emocional e a importancia de reconectar con unha mesma a través dunha nova mirada psicolóxica.

As organizadoras destacan que 'Momento Calma' chega a Pontevedra como un espazo necesario, pensado para informar con rigor, escoitar sen prexuízos e acompañar cunha visión multidisciplinar unha etapa decisiva na vida de tantas mulleres.