Pontevedra participará nun evento global de creación de videoxogos

Pontevedra
21 de xaneiro 2025
Actualizado: 14:28

A Casa Azul de Pontevedra acollerá a quinta edición da HobbyPont Global Game Jam entre o 24 e o 26 de xaneiro

Persoas xogando cun videoxogo Jeshoots.com en Unsplash

A Casa Azul acollerá entre o 24 e o 26 de xaneiro de 2025, a quinta edición da HobbyPont Global Game Jam, un evento gratuíto que reunirá a entusiastas e profesionais de toda Galicia para crear videoxogos en só nunha fin de semana.

Desenvolvedores, ilustradores, guionistas, músicos e outros creativos, terán a oportunidade de unirse ao movemento global da Global Game Jam, no que participan miles de persoas de maneira simultánea desde todas partes do mundo.

A cita comezará o venres 24 de xaneiro ás 15:00 horas, cando se revelará o tema desta edición.

Desde ese momento, as persoas participantes dispoñerán de 48 horas para traballar en equipo e converter as súas ideas en videoxogos completos.

O evento concluirá o domingo 26 ás 17:00 horas, coa presentación das obras creadas.

Segundo Evelio Sánchez, membro da organización do evento, "cremos que no ámbito do videoxogo hai moito futuro, tanto no eido do lecer como en posibles alternativas laborais".

Esta iniciativa procura fomentar a creatividade, o traballo colaborativo e a innovación, destacando o potencial do sector dos videoxogos como motor económico e cultural.

A convocatoria é completamente gratuíta e está aberta a persoas maiores de idade con calquera nivel de experiencia e ganas de participar en 48 horas de creación.

Poden atopar máis información ou rexistrarse para participar no sitio web oficial http://hobbypont.com

A HobbyPont Global Game Jam celebra a súa quinta edición consolidándose como un espazo inclusivo onde mocidade e persoas non tan novas, con ou sen experiencia, poden participar na creación de videoxogos.

Ademais, o evento promove a colaboración entre disciplinas tan diversas como a programación, o deseño gráfico, a música e a narrativa.