O Concello de Pontevedra presentou unha alegación ao plan da Xunta para construír 2.000 pisos protexidos nas zonas de San Amaro, O Marco e A Parda.
Un trámite que chega no último día do prazo, este martes 23 de decembro, e que, segundo o concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera, busca corrixir "un pequeno matiz que podería ter consecuencias importantes a medio-longo prazo".
Nunha comparecencia ante os medios, Mosquera explicou que o proxecto de interese autonómico (PIA) redactouse nun clima de "moi boa relación" entre o Concello e a Consellería de Vivenda e Infraestruturas.
Con todo, nese proceso pasouse por alto un detalle que agora preocupa ao goberno local como é a falta de continuidade dun viario que condiciona o futuro desenvolvemento da antiga parcela de Fenosa, onde o Concello prevé situar a súa nova sede de emerxencias.
Ese complexo acollerá servizos como a Policía Local ou o guindastre municipal, polo que unha boa conexión viaria resulta fundamental.
Por iso é polo que a alegación municipal solicite a continuidade do viario previsto, co obxectivo de mellorar as comunicacións e non limitar a ordenación da parcela.
Mosquera insistiu na vontade de "máxima colaboración" coa Xunta e confiou en que a administración autonómica teña en conta esta petición, que considera esencial para evitar problemas futuros.