Ata o de agora, a atención das autoridades centrouse principalmente na loita diaria contra a expansión do coronavirus polo noso país, tanto desde o punto de vista sanitario como pensando nos efectos que o parón da actividade non esencial ten nas economías das familias e das pequenas e grandes empresas.
Pero Pontevedra entende que, nestes momentos, "toca preparar a porta de saída" a esta crise, segundo apuntou o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores. É dicir, que vai pasar o día que se levante o estado de alarma e vaiamos volvendo aos poucos á normalidade.
A este respecto, o Concello traballa xa nun "plan de choque" para reactivar a actividade económica do municipio o "día despois" do coronavirus.
Así o explicou Fernández Lores, tras a reunión do comité de seguimento celebrada este venres e na que, ademais dos responsables de áreas sensibles como seguridade cidadá, persoal, educación, xestión de residuos ou servizos sociais, participaron todos os portavoces municipais, fóra de Rafa Domínguez (PP) que escusou a súa ausencia.
Para a elaboración deste plan, que segundo o alcalde foi " moi ben recibido" por todos os grupos políticos, Lores entende que todas as administracións deben coordinarse para esixir a derrogación da coñecida como Lei Montoro.
Esta normativa estatal é a que regula, entre outras cuestións, o teito de gasto das administracións públicas e limita a utilización dos remanentes de tesourería -o diñeiro que teñen en conta- ou a posibilidade de acudir a endebedamento mediante créditos bancarios.
As limitacións impostas polo executivo de Mariano Rajoy en tempos de austeridade, entende o alcalde de Pontevedra, limita a capacidade dos concellos para inxectar diñeiro nas economías dos seus respectivos municipios.
No caso de Pontevedra, sinalou Fernández Lores, se desaparece a Lei Montoro, o Concello poderá destinar entre 15 e 20 millóns de euros a este plan de choque para, unha vez pase a epidemia, recuperar a actividade económica en sectores estratéxicos para a cidade ou, polo menos, "en todos os que poidamos actuar".
A maiores, o rexedor do BNG apuntou que tamén lastra estas posibilidades de investimento o feito de que moitos trámites administrativos estean paralizados, como a exposición pública de proxectos, xa que iso "imposibilita" utilizar os fondos municipais para inxectar liquidez na economía pontevedresa.
A este respecto, Fernández Lores agradeceu o traballo de todos os servizos municipais durante esta crise e, con respecto aos servizos económicos, desvelou que no últimos dez días xestionaron pagos a provedores por tres millóns de euros, o triplo do que normalmente se tramita nun período tan curto como este.
Sobre a posibilidade de reducir a carga fiscal do municipio, o alcalde explicou que ata o de agora "fixemos o que críamos que tiñamos que facer" como aprazar os pagos que estaban en tramitación como a viñeta ou o pago de taxas de mercados e valos publicitarias.
Do resto de medidas, dixo, "estamos á espera" das decisións que adopten a Xunta e o Estado central "e estudaremos as posibilidades". En todo caso, Lores non se mostrou partidario de "medidas universais", ao entender que hai cidadáns que non viron reducidos os seus ingresos durante esta crise e se debe "priorizar" aos sectores máis afectados.