O Concello de Pontevedra elevará unha queixa formal ao Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible polos continuos asolagamentos que sofre a PO-11, a Avenida de Marín.
A decisión foi adoptada este xoves pola Xunta de Goberno local, farta da falta de respostas ante un problema que se repite dende hai anos nunha vía fundamental para a mobilidade entre Pontevedra, Marín e a parroquia de Lourizán.
A tenente de alcalde, Eva Vilaverde, deu conta desta queixa formal nunha comparecencia na que cualificou a actitude do Ministerio de "manifesta pasividade" e advertiu de que a situación atravesa un momento "especialmente crítico".
Segundo explicou, a cidade leva xa "cinco días seguidos con cortes na Avenida de Marín de madrugada" como consecuencia da coincidencia das mareas vivas coas choivas, unha combinación que está a provocar importantes problemas de tráfico e auténtico caos circulatorio.
Vilaverde lamentou que, malia tratarse dun problema "recorrente, permanente e sobradamente coñecido", a única resposta obtida ata o de agora por parte do Ministerio fose incluír a zona "nun lote dun estudo macro a nivel estatal", sen que exista ningunha proposta concreta nin solución práctica enriba da mesa.
"Non entendemos que lle fixo Pontevedra a este Ministerio para actuar con esta pasividade", afirmou, lembrando ademais a importancia estratéxica da PO-11 desde o punto de vista económico pola súa conexión directa co Porto de Marín.
Sobre as posibles alternativas para atallar os asulagamentos, a tenente de alcalde respondeu que non é ao Concello a quen lle corresponde formular solucións técnicas nunha infraestrutura de titularidade estatal.
"Non podemos sacar da chisteira ningunha ocorrencia. Trátase dunha cuestión técnica de certa complexidade que ten que asumir o Ministerio, como vimos reclamando dende hai anos", insistiu, engadindo que, de ser competencia municipal, o problema xa estaría encamiñado.
A Subdelegación do Goberno convocou para este venres a unha reunión aos concellos de Pontevedra e Marín, Policías locais de Pontevedra e Marín, Garda Civil de Tráfico, Axencia Galega de Infraestruturas, Autoridade Portuaria de Marín-Pontevedra e Demarcación de Estradas co obxectivo de "tratar de optimizar a coordinación ante a reiteración de episodios de corte de tráfico por subida das mareas na PO-11".
A este respecto, Eva Vilaverde confirmou a asistencia co obxectivo de colaborar e coordinarse "no que estea nas nosas mans", fundamentalmente na regulación do tráfico nas rotondas de Manuel del Palacio.
Con todo, recoñeceu a "impotencia" do goberno local ante unha "capacidade de actuación limitada", que non permite evitar que veciños de Lourizán queden atrapados nin que transportes especiais acaben desviados por pistas secundarias.