A Fundación Provincial Banco de Alimentos recadou en Pontevedra cidade máis de 3.000 quilos de alimentos durante a campaña Maio Solidario.
Esta 14 edición celebrouse en tendas situadas en toda a provincia, cos días 8 e 9 de maio como datas elixidas para reforzala coa presenza física de 75 persoas voluntarias.
A nivel provincial, a fundación recolleu 42.000 quilos, dos que 34.000 foron entregados polos clientes. O resto, explican, son a suma das achegas económicas depositadas ao pasar por caixa e a doazón do 15% realizada por Gadis.
Estas cifras supoñen un 11% máis que durante a campaña de 2025, cando contabilizaron 38.000 quilos.
A localidade que máis alimentos físicos recolleu foi Vigo, achegándose aos 16.000, aínda que tamén destacaron as doazóns realizadas nas comarcas de Baixo Miño (2.500) e O Morrazo (1.500).
As persoas puideron elixir doar alimentos físicos e/ou realizar achegas económicas ao pasar por caixa. Estes donativos depositáronse na cadea Gadis e o Banco de Alimentos iraos retirando de cada supermercado, en función das necesidades diarias.
Na recollida tamén participaron centros educativos da provincia e colectivos que traballan a favor da integración e con persoas con discapacidade, que se encargaron de distintas quendas de supermercados.
A nivel provincial, a Fundación repartiu máis de 1,3 millóns de quilos de alimentos durante 2025, incrementando nun 6% o número de persoas en situación de vulnerabilidade ás que atende.
Actualmente, chega a máis de 22.000 beneficiarias e beneficiarios, a través de 159 entidades benéficas. En Pontevedra atenden máis de 5.000 persoas, a través de máis de 40 colectivos sociais acreditados.