Pontevedra recende xa a castañas asadas

Pontevedra
04 de outubro 2025
Actualizado: 21:19

Con máis de 40 anos no oficio, Paco Pazos acendeu este venres a súa locomotora na Glorieta de Compostela, dando inicio á tempada de venda de castañas na cidade

Paco Pazos mostra as castañas que está asando na primeira xornada de venda deste 2025 coa súa locomotora na Glorieta de Compostela PontevedraViva

Este venres 3 de outubro, Paco Pazos, fillo do histórico castañeiro Valentín Pazos, inaugurou un ano máis o seu tradicional posto na Glorieta de Compostela, converténdose no máis madrugador da tempada.

"Esta primeira castaña non é a máis boa, porque aínda ten que madurar, pero é a que mellor sinta, porque levamos meses esperándoa", explica co seu habitual sorriso.

Mentres os castañeiros da Praza da Ferrería aínda non chegaron, Pazos xa reparte cartuchos de oito castañas por un euro, un prezo que considera dos máis baixos de Galicia.

O vendedor lembra que a produción en varias zonas de Ourense viuse mermada polos incendios do verán, o que podería encarecer o produto nas próximas semanas.

"Eu merco a través dun distribuidor directamente os produtores de Verín, aínda non me pasaron a conta, pero témome que co tempo subirá o prezo", sinala o castañeiro.

De momento, a primeira xornada foi un éxito, con vendas continuas dende a mañá.

Con máis de 40 anos no oficio, Paco Pazos confía permanecer na praza ata despois de Reis, sempre que a colleita dure o suficiente.