Pontevedra reduce a 16,76 días a demora no pago a provedores durante o terceiro trimestre do ano

Pontevedra
13 de outubro 2014

O portavoz do goberno explicou que Pontevedra é a administración que máis puntualmente paga, "ou é das que paga máis puntualmente, lonxe de moitas que pagan a 60 ou 90 días, ou incluso as que conminan ás empresas a que non presenten as facturas"

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra volveu reducir o período medio de pago no terceiro trimestre deste ano. Segundo informou o concelleiro de Economía e Facenda, Raimundo Gómez, o goberno municipal pagou aos seus provedores cunha demora media de 16,76 días, moi por debaixo do límite legal situado en 30 días. En total, nestes tres meses pagáronse 8.272.359,22 euros, dos cales un 97% foi dentro deste prazo legal.

En comparación a trimestres pasados, no primeiro trimestre do ano o período medio de pago foi de 18,57 días e pagáronse 8.784.000 euros, dos cales un 4% foron fora deste prazo. No segundo trimestre do ano o período medio de pago foi de 18,01 días por valor de 8.515.000 euros, das cales arredor do 10% foron fora deste período medio de pago.

A este respecto, Raimundo González sinalou que, hai un ano, este período medio de pago estaba situado en 29,63 días.

O portavoz do goberno explicou que Pontevedra é a administración que máis puntualmente paga, "ou é das que paga máis puntualmente, lonxe de moitas que pagan a 60 ou 90 días, ou incluso as que conminan ás empresas a que non presenten as facturas".