Recoñecen que a implantación da factura electrónica "vai orixinar certos problemas" en Pontevedra

Pontevedra
26 de xaneiro 2015

En todo caso, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, cre que non vai afectar de xeito "grave" ao período medio de pagamento. ÿ dicir, descarta que os provedores vaian tardar máis en cobrar ao ter que proceder deste xeito. Iso si, destaca que tamén poden producirse disfuncións puntuais na "engranaxe" da propia administración municipal

Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena
Fachada do Concello de Pontevedra na rúa Michelena / Mónica Patxot

O goberno municipal recoñece que a implantación da factura electrónica "vai orixinar certos problemas". Dende o pasado 15 de xaneiro, os provedores do Concello de Pontevedra e os seus organismos autonómos deben rexistrar as súas facturas a través do programa FACE, deseñado polo Ministerio de Facenda e Administracións Públicas e a súa aparente complexidade xa provocou numerosas consultas.

En todo caso, o concelleiro de Facenda, Raimundo González, cre que non vai afectar de xeito "grave" ao período medio de pagamento. ÿ dicir, descarta que os provedores vaian tardar máis en cobrar ao ter que proceder deste xeito. Iso si, destaca que tamén poden producirse disfuncións puntuais na "engranaxe" da propia administración municipal.

Raimundo González desvelou tamén os datos de pagamentos a provedores no último trimestre de 2014, entre outubro e decembro. Nestes tres meses, o Concello de Pontevedra pagou 12.274.338,08 euros en facturas e o período medio de pagamento subiu ata os 23,08 días. Isto débese, explicou, a que probablemente se atrasase unha certificación importante ou algún expediente relativo á última modificación de crédito.

Ademais, o Pazo da Cultura pagou 324.758 euros a unha media de 16,40 días e o Instituto Municipal de Deportes (IMD) 164.208 euros, cunha demora de 18,64 días.

Trátase en todo caso, sinalan dende o goberno municipal, de prazos inferiores aos que recolle a lei, que sitúan un máximo de trinta días.