Pontevedra reforza a desinfección de colectores

Pontevedra
24 de marzo 2020

Trátase de incrementar as medias de hixiene e limpeza do espazo público e de equipamentos dos que fai uso diario a veciñanza

Colectores do centro histórico de Pontevedra Concello de Pontevedra

A Concellaría de limpeza viaria do Concello de Pontevedra, xestionada polo concelleiro Raimundo González, vén de tomar a decisión de destinar o persoal e os medios dos zafarranchos de limpeza a reforzar o lavado e desinfección dos colectores de lixo. Esta decisión tómase co obxectivo de incrementar as medidas de seguridade e hixiene durante todo o período que permaneza activado o estado de alarma.

Para isto utilizaranse os recursos habituais dos zafarranchos, principalmente limpadoras de auga a presión, máquinas de varrer e material para limpeza manual, cos que se reforzará a limpeza periódica que xa se viña facendo dos contedores, e que se compaxinará cos demais traballos de fumigación e desinfección que se están realizando no espazo público desde o inicio da crise sanitaria.

Deste xeito, o Concello incrementa os labores de limpeza e hixiene do espazo público e de equipamentos que son de uso diario por parte da veciñanza, e que cobran unha consideración especial tras a activación do estado de alarma a pasada semana e o confinamento domiciliario da cidadanía.

Esta desinfección semanal de contedores súmase aos traballos diarios de fumigación e desinfección de todos os espazos públicos da cidade -rúas, beirarrúas, prazas..- que xa se veñen realizando desde o inicio do estado de alarma e que se manterán durante todo o tempo que permaneza activado.

Neste sentido, hai que lembrar que a empresa concesionaria do lixo, Ferrovial, leva máis dunha semana realizando traballos diarios de fumigación e desinfectación dos espazos públicos con especial atención aos lugares de maior reunión de persoas como as inmediaciós dos centros sanitarios ou os supermercados.

 

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora