Pontevedra renovará a Casa Azul para gañar en funcionalidade e comodidade

Pontevedra
18 de maio 2026

"Estamos satisfeitas de que a Casa Azul sexa a casa das asociacións", sosteñen desde o goberno municipal. A rehabilitación deste espazo multifuncional será unha prioridade

Casa Azul

O goberno municipal prevé encargar un proxecto para a renovación integral da Casa Azul, na que desenvolven a súa actividade un cento de entidades sociais de Pontevedra.

"Somos conscientes da falta de espazo e doutras necesidades", asegura a edil de benestar social, Anabel Gulías, que avanza que a actuación prevista buscará "gañar en funcionalidade, comodidade e dotacións".

Este edificio dispón de despachos, aulas e salas multifuncionais cun uso variado.

Así, hai asociacións socio-sanitarias e de inserción social que prestan servizos informativos e asistenciais, ademais de desenvolver actividades de formación e divulgación.

Algunhas teñen a sede na propia Casa Azul como ocorre, por exemplo, con ASEII, Anedia, FEAFES, Xoga, Alcohólicos Anónimos, Asovedra ou Amiga.

Outras teñen un punto de atención e desenvolven obradoiros e actividades na Casa Azul ou en outras dependencias municipais como Apropark, Manaia, Familias Azuis, Arelas, Down Pontevedra-Xuntos, Afapo, Secretariado Xitano, Rexurdir Provincial ou Boa Vida.

A esta rede engádese a participación en iniciativas puntuais, propias ou á demanda, de entidades colaboradoras externas.

E tamén hai colectivos, sobre todo veciñais, que teñen neste equipamento un punto de contacto coa cidadanía e un espazo comunitario para a realización de actividades.

"Estamos satisfeitas de que a Casa Azul sexa a casa das asociacións", sostén Gulías, de aí que a rehabilitación deste espazo multifuncional, segundo engade a concelleira, vaia a ser unha prioridade para o Concello.