O Concello de Pontevedra terá un total de 183.012 horas anuais de Servizo de Axuda no Fogar (SAF) para a atención de persoas dependentes, 63.108 máis das autorizadas ata agora.
Así o deu a coñecer este mércores a Consellería de Política Social, que aumentará o investimento no SAF de toda Galicia a partir deste ano e autorizou par Pontevedra o segundo maior incremento de toda a provincia, do 52,63%
A capital vai ser unha das grandes beneficiarias da alza do orzamento do SAF -neste exercicio chegará en Galicia ata os 83,6 millóns de euros- e mantense como o municipio coa maior cantidade de horas asignadas, só por detrás de Vigo, en base á proporción poboacional e de persoas nestas circunstancias.
Política Social tamén aumentará as horas a outros cinco municipios das bisbarras de Pontevedra, O Morrazo e Caldas ata un total de 76.116 horas máis para esta zona.
Marín vai dispoñer, dende este ano, de 3.444 horas máis; Poio contará cunha suba de 3.276; Portas gañará 2.688 horas deste servizo; Bueu terá un aumento de 2.136; e Barro o incrementará en 1.464.
A delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, informou desta concesión aos alcaldes e concelleiros de Servizos Sociais dos seis concellos beneficiarios nunha reunión telemática celebrada na xornada deste mércores.
Segundo lles explicou, o aumento realizouse aplicando o criterio da lista de agarda de cada un dos municipios para poder atender a máis usuarios, especialmente na actual situación polos efectos sociais da crise sanitaria da covid-19.
En total, na provincia de Pontevedra vanse beneficiar desta medida un total de 32 concellos, que gozarán en conxunto dun incremento de 463.000 horas anuais de atención a dependentes ata chegar a case 2 millóns por exercicio, o que supón un ascenso do 30,5% nestes territorios.
Luisa Piñeiro destacou a "absoluta implicación" da Xunta de Galicia coa atención ás persoas en situación de vulnerabilidade, "con especial fincapé nas que sofren dependencia, que son as que se atopan máis desamparadas, sobre todo coa crise da covid-19, e que precisan que o Goberno galego estea ao seu lado, polo que ese é o noso compromiso e o que estamos a facer con este forte incremento da teleasistencia".