Pontevedra segue recibindo numerosos convites para explicar o modelo de cidade implantado nos últimos anos. O goberno municipal asegura que é "imposible" atender todas elas por motivos de axenda. Aínda así, despois da celebración da II edición do congreso Cidades que camiñan, que acollerá a cidade os días 16 e 17 de outubro, o Concello de Pontevedra decidiu aceptar catro delas.
César Mosquera será o encargado de representar a Pontevedra nunhas xornadas que, organizadas entre outros pola DGT, a FEMP ou Stop Accidentes, terán lugar en Madrid os días 22 e 23 de outubro.
Pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, confirmou a súa presenza en Porto (24 de outubro) para participar nun ciclo de conferencias sobre novas solucións de mobilidade que organiza o concello luso. Ademais, o 19 de novembro viaxará a Bilbao para falar do modelo de cidade no marco do XIII encontro cidadán coa mobilidade, unha iniciativa do Real Automóvil Club Vasco Navarro.
Ademais, o Concello de Pontevedra aceptou tamén a oferta, aínda sen data fixada, realizada pola Universidade de Alacante.
En todas estas conferencias preténdese poñer en valor todo o esforzo realizado en Pontevedra pola mobilidade, a accesibilidade e a seguridade vial. Con respecto a este último aspecto, César Mosquera asegurou que a Pontevedra aválana os datos. Entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro deste ano, no ámbito urbano tan só se rexistraron tres feridos graves por accidentes de tráfico, fronte aos 17 do ano anterior.
Tras corrixir "certo relax" que o goberno municipal sinala ter detectado entre os cidadáns, estes datos levan o concelleiro nacionalista a afirmar, en virtude dun estudo encargado polo propio Concello, que Pontevedra estaría situada entre as cinco cidades do mundo con mellores datos en materia de seguridade vial. En concreto, Mosquera sitúaa ao nivel de localidades como Oslo, Oxford, Sydney, Boston ou Dublín.