Pontevedra vetará a Israel nos eventos deportivos e culturais que acolla a cidade

Pontevedra
18 de setembro 2025

O compromiso do Concello é non acoller "ningún evento de carácter deportivo, cultural ou doutra índole no que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou sexan financiados por el"

Faixa despregada no Concello de Pontevedra de solidariedade con Palestina
Faixa despregada no Concello de Pontevedra de solidariedade con Palestina / Mónica Patxot

O goberno municipal de Pontevedra proporá vetar a presenza de Israel en eventos deportivos, culturais "ou doutra índole" que se celebren na cidade.

Así se recolle na emenda presentada polo BNG á moción que levará o PSOE ao pleno municipal do próximo luns para condenar o xenocidio que está a cometer Israel en Gaza, segundo confirmou este xoves o grupo de goberno.

Os socialistas, entre outras cuestións, instarán á corporación a esixir "de maneira contundente e sen paliativos" que pare o xenocidio en Gaza, a que se garantan os dereitos humanos do pobo palestino ou a que se permita o acceso da axuda humanitaria a territorio palestino.

Tamén reclamarán que se reafirme o respaldo institucional de Pontevedra ao recoñecemento do Estado de Palestina, que se impoñan sancións aos responsables de crimes de guerra ou que se apoien as medidas de presión adoptadas por España.

Pero o engadido do BNG irá máis aló, xa que inclúe o compromiso do Concello a non acoller "ningún evento de carácter deportivo, cultural ou doutra índole no que participen entidades que representen ao Estado de Israel ou sexan financiados por el".

Ademais, tamén propoñen vetar todas aquelas actividades "que contribúan a promocionar ou blanquear o xenocidio que Israel está a cometer sobre o pobo palestino.

De entrada, esta medida podería afectar á Gran Final das Series Mundiais de tríatlon, que Pontevedra acollerá de novo en setembro de 2026.

O BNG pedirá, a maiores, que a corporación pontevedresa exprese o seu apoio a todas as convocatorias en apoio a Palestina que se celebren en Galicia.

Esta iniciativa, debatida no seo da comisión municipal de benestar social, non ten por agora o respaldo do PP, que optou por absterse.